O BNG-AA vai recuperar as axudas ás Comunidades de Auga.
Segundo Xoán Carlos González, o goberno de Javier Bas abandonou á súa sorte a estas asociacións que xestionan a auga da metade da poboación de Redondela.
Dende os 40.000 en mandatos anteriores, ata a inversión cero durante os catro anos do mandato deste goberno municipal.
As Comunidades de Augas, realizan a xestión da auga da metade do concello de Redondela, e non reciben ningún tipo de apoio.
Ao longo deste primeiro trimestre do ano, estanse a celebrar por todo o concello de Redondela, numerosas Asembleas das Comunidades de Augas. As arredor das 30 existentes, están a xestionar á subministración de auga, da metade da poboación, chegando alí a onde non o fai a rede municipal de abastecemento. Historicamente asumiron o papel que lle correspondería ao Concello, afirma o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González.
Para o BNG, a responsabilidade asumida por estas asociacións na xestión da auga, constitúe un modelo de participación dos veciños e veciñas das parroquias que o goberno municipal debe impulsar. Coa presenza da nosa organización no goberno de Redondela, chegouse a investir 40.000 anuais, en apoiar a esta Comunidades. Esta partida, permitía afrontar obras de envergadura, como a renovación da rede de subministro, a instalación de clorímetros, ou novas captacións, salienta o concelleiro nacionalista.
O apoio dado dende o goberno municipal antes do 2011, traduciuse en abandono total e absoluto por parte do goberno de Javier Bas. Un claro exemplo de que a este goberno municipal, a mellora das condicións de vida nas parroquiais, interésalle máis ben pouco.
Por mor desta situación, calquera inversión de envergadura que teñan que levar a cabo as Comunidades de Auga, deben facelo por dúas vías: aumentar as cotas extraordinarias, ou derramas, ou esperar ás axudas da Deputación. Unhas axudas do organismo provincial, que en xeral son complexas, longas, e aportan unha porcentaxe de pouco máis do 50%, co que claramente exercen un efecto disuasor. Ante a complexidade da concesión, moitas directivas optan por non solicitar estas subvencións.
Por tratarse, as Comunidades de Augas, de asociacións de carácter parroquial, sen ánimo de lucro, que suplen o papel que debería desempeñar o goberno municipal, deben ser apoiadas economicamente, e respaldadas na xestión diaria. Coa presenza do BNG no goberno municipal de Redondela, comprometémonos a recuperar as subvencións municipais, ademais de mellorar as vías de asesoramento das Comunidades de Augas, a partires do mes de maio, afirma Xoán Carlos González.