O BNG califica de éxito total a Folga contra a LOMCE, tamén en Redondela.
De éxito total pode considerarse a Folga no Ensino do pasado xoves 24 en toda Galiza, e tamén en Redondela. Convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino, da que forma parte o BNG, toda a comunidade educativa participou activamente desta xornada.
A consellaría de ensino pretendeu silenciar o clamoroso éxito dunha folga para frear unha Lei de Educación que vai remover os cimentos da nosa sociedade.
No Concello de Redondela igualmente se produciu unha resposta masiva de apoio a esta xornada cargada de mobilizacións. Demostraron, unha vez máis os e as redondeláns madurez e compromiso co sistema público educativo.
Ás nove da mañá, hora de entrada na maioría dos centros escolares, podíase ver unha cativa presenza na entrada dos mesmos. Por Redondela podía circularse sen ningún problema, e en Chapela apenas había movemento de vehículos, todo o contrario dun día lectivo.
Quérese destacar dende o BNG o grado de madurez que demostraron as ANPAs. Non só porque apoiaron dende un primeiro momento a convocatoria, e todo isto pese ás mensaxes desmobilizadoras do goberno e medios de comunicación afíns. Senón tamén porque consensuaron un comunicado na que demandaban a retirada da LOMCE.
A Manifestación celebrada en Vigo, ás 11.30h dende a Praza dos Cabalos, tamén resultou ser todo un éxito. Como na anterior convocatoria de Folga, a Plataforma celebrou manifestacións pola mañá, para visualizar realmente unha oposición a este texto. No caso da deste xoves 24, e pese á intensa choiva, a presenza de familias, profesorado foi moi importante.
Baixo o paraugas da crise, a privatización do ensino, a confesionalidade, unha organización antidemocrática dos centros, elitista, e antigalega son os piares sobre os que o PP pretende asentar o modelo educativo. Estas e outras moitas razóns deben poñernos en defensa do ensino público, polo que dende o BNG emprazamos a todos os sectores da sociedade redondelá a actuar de xeito comprometido.