O BNG considera as declaracións de Teresa París, reflexo da súa incapacidade.
As declaracións feitas pola responsábel do departamento de servizos sociais, de quen dependían ata agora os grupos de dinamización teatral, constitúen, segundo o concelleiro, Xoán Carlos González, o reflexo do seu desinterese por esta actividade. O grupo municipal solicita a súa comparecencia en Pleno.
A decisión tomada por máis de setenta membros dos grupos de dinamización teatral, de darse de baixa dunha actividade que leva desenvolvéndose máis de dez anos, converteuse, nos últimos días nun dos referentes da actuación do goberno de Javier Bas. As declaracións posteriores da concelleira Teresa París, non poden ser máis desalentadoras, ao tentar darlle a puntilla dende o goberno municipal a este tipo de actividades, afirma o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González.
Nembargante, o máis preocupante para o BNG, constitúeno as afirmacións realizadas por Teresa París. Deixa ben claro a concelleira, que divide en dous á sociedade: os seus e os demais. Afirmar que esta iniciativa forma parte dunha manobra política, obedecen á súa intolerancia e á súa prepotencia en todo este asunto.
A concelleira, co coñecemento do alcalde, pretendeu en todo momento impoñer a súa vontade, mesmo ameazando con que sería unha empresa a que se podería encargar da actividade. Estes grupos de dinamización teatral son moi relevantes dende o punto de vista cultural, reflexo da actividade nas parroquias, que o goberno municipal nunca compartiu, e que agora pretende finiquitar.
Dende o BNG, valoramos moi positivamente a iniciativa dos grupos de manter a actividade por outras vías, a pesares do desinterese municipal. Confiamos en que a partires do mes de maio, un novo goberno municipal vai poder darlle resposta ás súas demandas.
Para que dea as explicacións pertinentes sobre as dúbidas e cuestións que rodean este asunto, o grupo municipal do BNG, solicitou a comparecencia da concelleira Teresa París, no vindeiro Pleno da Corporación do mes de febreiro.