O BNG considera o proceso do Centro de Día de Cesantes, un claro exemplo da manipulación do PP.
Como se dun ben propio se tratara, o Partido Popular, dende a Consellaría de Benestar ata a alcaldía de Redondela, utilizaron este equipamento de carácter social, como parte da mercadoría electoral. Durante catro anos, Javier Bas, gardou silencio para non molestar a quen manda de verdade.
A licitación da xestión do Centro de Día de Cesantes, dentro dun paquete no que entran outros centros similares en varios concellos da nosa contorna, convértese nun novo episodio deste vergoñento asunto.
No ano 2009, o bipartito licitou a obra, para o primeiro Centro de Dia de carácter público no noso concello. Medio cento de usuari@s da nosa bisbarra, e as súas familias saían directamente beneficiadas. Ademais, un número similar de traballadores e traballadoras do sector van poder traballar nestas depedencias.
Para o Bloque Nacionalista Galego, constitúe un acto vergoñento o intento de manipulación deste proxecto. Tamén en Redondela o Partido Popular, pretende sacar tallada política desta obra.
Non é certo, tal como declara todo un director xeral da administración Local, no seu momento voceiro municipal do PP, que se atoparan co proxecto a medio facer. Foi a vontade da vicepresidencia da Xunta, no 2009, a que puxo en marcha o Proxecto. No caso de que a cuestión tivera quedado en mans da Xunta de Feijóo, o Centro de Día seguiría sendo unha entelequia.
Tiñan tan claro que o Centro de Día ía ser unha realidade que no seu propio Programa Electoral do 2011, Javier Bas, recollía o compromiso de que no ano 2013 se ía inaugurar o Centro de Día. Unha máis das mentiras, que machaconamente repetiu.
En varias ocasións as diferentes delegadas da Xunta en Vigo, afirmaron o compromiso de inaugurar o Centro de Día, de xeito inminente. A día de hoxe, febreiro de 2015, aínda non se sabe cando van comezar a utilizalo os primeiros veciños e veciñas.
Mais foi o interese da oposición, e a presión social, a que levaron a iniciativa en todo momento. En numerosas ocasións, dende o BNG, interpelouse á concelleira Teresa París, para que informara sobre os prazos da Consellaría. A resposta era que os descoñecía. Mais o alcalde, Javier Bas, nunca moveu un papel para dar un servizo de carácter social ás persoas maiores de Redondela e bisbarra. Tamén se desenvolveron diversas iniciativas no Parlamento, que desvelaron a intención da secretaría xeral de servizos sociais de adicar o Centro de Día a outra finalidade.
Os feitos falan por si sós. Sen o PP no goberno da Xunta nin no de Redondela, constrúese o Centro de Día en Cesantes. Co goberno do PP na Xunta e en Redondela, pretenden renunciar á construción do Centro de Día de Trasmañó.
Outra volta o PP quere vampirizar, non o traballo doutras forzas políticas, que para iso están, senón mesmo de xeito cínico e fraudulento, facelas pasar como xestión propia cando non moveron absolutamente un dedo para darlle un verdadeiro servizo a seus veciños e veciñas.
Dende o BNG vaise seguir traballando para que o Centro de Día de Cesantes sexa unha realidade no menor prazo de tempo. Tamén vai seguir traballando para que o Centro de Día de Trasmañó, se remate construíndo.