O BNG considera que o PSOE, “tenta confundir á veciñanza co conflicto da policía”.
Xoán Carlos González, afirma que Digna Rivas “deu continuamente bandazos na negociación do plus de produtividade”.
Dende o grupo municipal nacionalista, saen ao paso das declaracións verquidas pola alcaldesa de Redondela sobre a crise da policía local, e a negociación cos sindicatos. Afirman que “dende o goberno municipal, non se soubo encarar en ningún momento unha negociación que beneficiara ao conxunto de traballadores e traballadoras municipais, a respecto diversos pluses e melloras laborais”. Relatan que dende que o conflito se agravara no verán, “o Partido Socialista, cometeu erros flagrantes, como pontear a mesa de negociación cos sindicatos”.
Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xoán Carlos González valora que a medida que o conflito se ía agravando, a alcaldesa daba bandazos, apoiándose nun colectivo ou noutros segundo lle interesara. “Agora mesmo realiza declaracións, en contra do colectivo de policías, que precisamente era a quen pretendía primar en outubro”
Recorda que,“ no pleno de outubro negámonos a apoiar unha proposta unilateral imposta pola alcaldesa Digna Rivas, porque non contaba co aval dos lexítimos representantes dos e das traballadoras do concello”. Finalmente a iniciativa de soamente recoñecer o plus de produtividade á policía local, foi rexeitada por todos os grupos da oposición.
“Dende o goberno municipal actuouse con prepotencia e soberbia. Forzámolo a sentarse a negociar cos sindicatos, co fin de acadar melloras para o conxunto dos traballadores e traballadoras”, salienta o edil nacionalista.
Xoán Carlos González, recórdalle ao equipo de goberno, que para poder actuar en minoría ten que redobrar esforzos para dialogar co BNG, “ actitude da que carece este equipo de goberno”. Considera que a alcaldesa “pretende nestes momentos confundir á veciñanza, eludindo as súas responsabilidades”.