O BNG considera toda unha provocación a presenza de Ana Pastor na Festa do Choco.
O goberno de Javier Bas convida aos actos festivos, á persoa responsábel da ampliación da AP-9.
A organización nacionalista cuestiona a presenza da ministra de Fomento o día 11, sen ningún sentido nin lóxica, salvo por cuestións meramente electoralistas. Para Xoán Carlos González, concelleiro nacionalista, a cuestión ten o seu simbolismo, posto que se trata da persoa responsable da ampliación da Ponte de Rande, e da AP-9 ao seu paso por Chapela.
Recordan dende as filas nacionalistas, que esta ampliación vai supoñer a defenestración de Chapela. Aumentan o número de carrís de circulación, aumentan as afeccións sobre a parroquia, e diminúe a calidade de vida de veciños e veciñas.
Consideran dende a organización nacionalista, toda unha provocación a presenza de Ana Pastor en Redondela. En todo caso, tería que ter vido a dar explicacións sobre os motivos do seu departamento para promocionar unha ampliación inútil a todas luces, de enorme impacto ambiental, e cunha importante resposta social en Chapela.
Complicidade do goberno de Javier Bas.
Queda ben claro que todas aquelas iniciativas que tomara o alcalde, aparentemente en contra da ampliación, simplemente eran un paripé para quitarse de enriba a presión veciñal, engade na súa nota o Grupo Municipal do BNG.
Unha vez máis exixen a paralización inmediata do Proxecto de Ampliación, posto que non vai solucionar o problema da mobilidade na Área de Vigo, máxime cando está a diminuír o tráfico rodado que utiliza a autoestrada.
Para o BNG a única solución pasa por fomentar o transporte público, como o tren de cercanías, transporte no que o ministerio de Fomento ten moito que dicir.