Europeas 2014: Manter o contacto directo coa veciñanza.
Dende este fin de semana o BNG activou a toda a súa base militante para que Galiza siga sendo defendida pola única forza que ten un verdadeiro Proxecto de País. En Redondela, a súa Asemblea Local da forza nacionalista retomou o pulso da Campaña dende o propio venres no mitin en Chapela. Queda moito traballo por facer, posto que o reto marcado é moi importante.
A pretensión inicial de manter un contacto directo con veciños e veciñas, e diferentes colectivos, segue o seu curso, sendo a única forza que está a desenvolver unha verdadeira Campaña, coa convicción de que nos xogamos o futuro da Galiza, o futuro dos mozos e mozas, o futuro dos nosos sectores produtivos, o futuro da nosa lingua e a nosa cultura.
Algunhas características especiais desta Campaña.
Por unha banda o BNG renunciou ao famoso envío por correo de votos, que ateigaba os buzóns das nosas casas. Trátase dunha novidade introducida no deseño da mesma.
Por outra banda, o aumento de cartelería aérea é inversamente proporcional á cartelería pegada, que todas as forzas políticas acostuman a empregar. A maior parte deste material reutilízase doutras campañas anteriores.
Curiosamente, a pesares de ser unha forza que cuestiona o modelo de Unión Europea que as oligarquías económicas e políticas están a impoñer, o BNG debe facer un importante esforzo de pedagoxía. Preténdese rachar a desafección dos cidadáns coa elección de representantes na UE. Somentes a participación en masa, convértese en único garante dunha verdadeira democratización das institucións. En definitiva, animar á xente a votar, e a votar Bloque.
Novos retos para a Asemblea Local do BNG, que se marca o obxectivo de aumentar a súa presenza na rúa, chegar a todos os veciños e veciñas, a pesares dos intentos dos medios por silenciar á nosa organización.
Apoiar ao BNG en todas as actividades da Campaña. Apostar decididamente polo futuro dun País, a traveso, única e exclusivamente do voto á candidatura encabezada por Ana Miranda.