O BNG considera fracasado o modelo de xestión do tráfico do goberno de Javier Bas.
Apostamos por pobos accesíbeis e para os cidadáns, non para o coche particular.
A raíz das últimas medidas tomadas polo goberno municipal de Redondela, a nosa organización considera de auténtico fracaso o modelo de xestión do tráfico. Carecen de vontade para tomar medidas que reduzan o uso de vehículos particulares e promocionen pobos accesíbeis para os cidadáns. En contra da dinámica que se está a producir no resto de Europa, o goberno de Javier Bas aposta porque o tráfico se autoregule, afirma o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González.
Os famosos aparcadoiros disuasorios, non causaron os efectos desexados, o entorno do Centro de Saúde de Redondela segue sendo un caos, nos aparcadoiros do Casco Antigo de Redondela, o uso regulado por tarxetas ou prazas para residentes, non cumpre co seu obxectivo inicial, simplemente porque non queren controlalo para evitar problemas.
O goberno municipal sufre amnesia en canto á privatización do aparcadoiro do Mercado de Redondela xa que hai un ano anunciaron que ía ser xestionado por unha empresa, e foi a presión veciñal a que lles fixo abandonar a idea orixinal.
Modelos contrapostos
O modelo de pobos accesíbeis e para os cidadáns defendido polo BNG, é contraposto ao que postula o PP. Xoán Carlos González segue demandando un Plan de Mobilidade para todo o Concello,. Rexeita igualmente a tendencia de limitarse a facer anuncios sobre actuacións puntuais.
Como modelo deste tipo de cidades e pobos pensados para os cidadáns , apuntamos á capital da provincia, recoñecida mesmo a nivel europeo. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participará o xoves 15 no Mitin do BNG, na Alameda de Redondela.