O BNG denuncia que os orzamentos para o 2014 certifican o abandono das parroquias de Redondela.
Nin un só euro previsto para saneamento, infraestrutura de carácter prioritario.
O esforzo inversor do anterior goberno municipal, no que o BNG levaba a concellaría de medioambente, contrastan coa inversión 0 do goberno de Javier Bas en canto ao saneamento. O que deixa ben ás claras a consideración que das parroquias ten o alcalde de Redondela.
Nunca foi unha prioridade ampliar e mesmo rematar a rede de saneamento en parroquias como Quintela, Cabeiro, Saxamonde, Negros, Ventosela, ou Trasmañó. Fronte a unha inversión media anual de 600.000 impulsados polo BNG, nin un só euro para saneamento no ano 2014.
Consideramos dende a nosa organización que despois de levar adiante tres orzamentos consecutivos, non amosaron ningún interese en dar resposta ás verdadeiras demandas de moitos veciños e veciñas.
O que exixen os veciños e veciñas das parroquias é chegar a gozar cando menos, dos servizos básicos e de carácter universal como no caso do saneamento. O Partido Popular mesmo chegou a difundir unha publicación que no ano 2013 investiran 1 millón de euros.
Expectativas truncadas.
Para o BNG chegaba o momento de que o goberno de Javier Bas traballara a prol desta descompensación, volvendo á senda da inversión no anterior mandato. Mais o único que se confirmou foi unha política de piche e xabre
A presenza do BNG no goberno municipal de Redondela, permitiu que o saneamento chegara a todas as parroquias. Converteuse en prioridade universalizar esta infraestrutura.
No apartado de inversións o aglomerado pasa de 32.000 a 50.000 euros; áridos de 15.000 no ano 2013 pasa a 30.000 no presente ano; e formigón que pasa de 10.000 a 20.000 euros. Sen esquecer as vinculacións, que lle permiten ao concelleiro botar man doutras partidas.
As parroquias tamén se ven abandonadas pola falla de apoio no abastecemento de auga. Arredor dun 40% das vivendas de Redondela, subminístranse por medio das comunidades de augas. Tamén desapareceron as axudas a estas comunidades, en contra do feito en mandatos anteriores.
Calquera tipo de aval, por apoio directo ou por abstención aos orzamentos do 2014, certificaría o abandono das parroquias. O BNG vai seguir traballando para frear este deterioro ao que nos quere someter o goberno de Javier Bas.