Para o BNG, o apoio aos orzamentos é a primeira mostra dos acordos PP-PSOE
O inminente acordo en Vigo, refrenda a estratexia a seguir de ambos partidos.
Desde a nosa organización opinamos que os orzamentos presentados polo goberno Bas e apoiados coa abstención dun concelleiro socialista, se enmarcan dentro da dinámica de pactos de ambas organizacións. Xa hai semanas que no BNG barallamos a posibilidade de que a proposta de orzamentos en Redondela podería ser o primeiro chanzo dun pacto con resultados a medio prazo.
A, en principio, sorprendente decisión dun concelleiro socialista de apoiar os orzamentos do goberno popular, debe contextualizarse nesta senda de acordos. Por terceiro ano consecutivo, primeiro coa colaboración da Agrupación de Eleitores, e agora co PSOE, un goberno en minoría saca adiante os seus orzamentos. Desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que neste acordo de Redondela están por enriba os intereses de partido dos intereses dos cidadáns.
A construción do pavillón, a excusa perfecta
Esta abstención socialista, para en principio evitar a perda de fondos para a construción dun pavillón en A Marisma, non convence ao BNG. Alguén pode dubidar que o concello, nun orzamento de 16 millóns, no caso de seren prorrogados, non tería capacidade para xestionar 500.000 para esta infraestrutura? Se tan prioritario era o pavillón, ao beneficiarse varias modalidades deportivas e cualificarse como multiusos, por que non foi a primeira obra en facerse? Acaso non poderían participar outras administracións na dotación para esta infraestructura? Estas son algunhas preguntas que nos facemos desde a organización nacionalista.
Os orzamentos do 2014, tal como se presentaron, son únicamente unha trampa, na que non caíu o BNG. Non se asegura unha infraestrutura de primeira necesidade como o saneamento; o apoio a ANPAs ou centros educativos conxélase; aumentan o correspondente a convenios interparroquiais, detraendo recursos dos circuitos culturais; en servizos sociais conxélanse numerosas partidas; o fomento do emprego únicamente serve para afondar na precariedade laboral dende o Concello. Salientamos que as únicas partidas que medran de xeito significativo son a publicidade, na área de cultura, e o aglomerado, áridos e formigóns, en vías e obras.
Desde o Bloque Nacionalista Galego continuaremos a cuestionar as políticas municipais lesivas para o conxunto da veciñanza de Redondela. Comprometémonos a facer un seguimento euro a euro para deixar en evidencia o goberno de Javier Bas, que considera os orzamentos como mero trámite para despois desenvolver aquelas iniciativas que consideran máis beneficiosas para os seus intereses.
Xavier Balsas, responsábel local do BNG