O BNG lidera a problemática das pantallas acústicas no Coto, Cesantes.
O goberno de Digna Rivas rexeitou presentar alegacións das obras. O PP nin se molestou malia que Javier Bas puido manexar o Proxecto hai varios anos.
04 mar. 2024 - 08:48
Nunha nova pantomima política do Partido Popular, levouse a Pleno a problemática da instalación de pantallas acústicas na liña do Eixo Atlántico de Alta Velocidade no barrio do Coto en Cesantes.
Xoán Carlos González, voceiro nacionalista, cuestionou o xeito de actuar do goberno municipal de Digna Rivas. Mesmo falou de “agravio comparativo” por non presentar o concello ningún tipo de alegación, cando en Chapela si o fixo e incluso chegou a realizar asembleas informativas.
Tamén cuestionou a actitude oportunista do Partido Popular, e o papel do seu candidato Javeir Bas. “Como deputado no Congreso estaba informado de todos os Proxectos que dende instancias do estado teñen a ver coa nosa bisbarra e Redondela, e estivo calado”, criticou. Recoñeceu a concelleira Ana Alonso que o PP xa sabía das obras dende verán do ano 2023, sen tomar ningún tipo de iniciativa.
“Nove meses despois das obras, cando o BNG tivo coñecemento da problemática e empezou a traballar coa veciñanza o PP levou unha moción ao Pleno para lavar a cara”, sinalou o voceiro nacionalista. En ningún momento nin o goberno de Digna Rivas nin o PP se sentiron identificados coa veciñanza.
“Foi a presenza do BNG no Congreso a que permitíu que este problema se levara a Madrid. Presentamos varias preguntas e proposicións non de lei para que ADIF se manifestara. Seguiremos presionando todo o que poidamos ata conseguir que as pantallas se adapten ás verdadeiras necesidades da veciñanza”, sinalou finalmente o voceiro nacionalista.