O BNG pregunta no Parlamento sobre o deterioro do Servizo de Correos en Chapela
O motivo é o empeoramento das condicións laborais en Correos, que dificultan o labor dos profesionais e impiden unha maior axilidade nos repartos.
Ante as queixas que a veciñanza de Chapela e Soutomaior fixeron chegar ao BNG sobre os continuos e sistemáticos retrasos no servizo de correos, as deputadas da organización nacionalista en Madrid, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez Fernández, presentaron unha pregunta ao goberno do Estado, para poñer de manifesto esta situación.
Na exposición de motivos da pregunta, as deputadas do BNG destacan que existe un continuado deterioro do servizo de correos no rural galego e, especialmente, en zonas periurbanas como é o caso de Chapela e Soutomaior.
Analizando a situación, observan as deputadas que entre as causas de que o servizo sexa tan precario está o feito de que o persoal de Correos se viu considerábelmente reducido, ao non se cubriren as prazas que quedan vacantes por xubilación nin as baixas por enfermidade. Ademais, no caso do rural galego, aplícanse ratios por poboación que non teñen en conta a dispersión poboacional característica do noso País, tratando o servizo como se se tratase das poboacións concentradas doutras partes do Estado.
En definitiva, destacan as representantes do BNG, estase a dar unha situación en que o persoal de correos ten que enfrontar unhas condicións laborais deplorables, máxime tratándose dun servizo público onde a administración debería dar exemplo; e ao mesmo tempo o público está a recibir un servizo peor que en épocas pasadas onde as dificultades técnicas para o correo eran evidentemente moito peores.
O BNG considera que o Goberno ten que tomar medidas urxentes para solventar esta situación e dá o primeiro paso presentando unha batería de preguntas que sirva para chamar a atención do goberno sobre este problema.