O BNG presenta diversas iniciativas pola Rotonda de Os Valos.
A deputada nacionalista, Olaia Fernández, coñeceu o espazo para o que se solicita.
Un novo paso para a construción dunha rotonda neste perigoso cruzamento da estrada nacional 550 e da estrada provincial 2906. Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria para peóns e condutores/as, o BNG pon en marcha unha xeira de iniciativas. Con estas palabras, Olaia Fernández facía referencia a varias propostas que a organización nacionalista vai desenvolver nestas semanas.
Considerado un dos puntos negros da rede viaria na nosa comarca, hai xa varios anos que a construción dunha rotonda converteuse nunha das prioridades para a organización nacionalista. Foi a propia deputada quen presentou nos últimos tres exercicios, emendas aos orzamentos do estado para que se incluíra unha partida. Primeiro co goberno do PSOE e agora co goberno do PP, rexeitaron tal iniciativa, afirmou.
Mocións en Pazos de Borbén, Mos e Redondela.
Na visita estiveron presentes representantes nacionalistas dos tres concellos afectados: Redondela, Pazos de Borbén e Mos. Quíxose deste xeito visibilizar a necesidade dunha acción conxunta para que a demanda adquira maior repercusión. Deste xeito vai permitir que os Plenos apoien unha demanda que vai beneficiar a un importante número de veciños e veciñas que todos os días atravesan este punto.
Un aspecto que tamén foi introducido na moción debatida no Consello Parroquial de Saxamonde, que contou coa unanimidade de todas as forzas sociais e políticas con representación.
Iniciativas no Congreso dos Deputados.
Olaia Fernández informou que o BNG vai presentar como nos últimos anos, unha emenda aos orzamentos do Estado, para que se inclúa unha partida, salvo que o Ministerio de Ana Pastor sexa sensíbel a esta demanda e xa o recolla nas súas previsións para o ano 2015.
Tamén adiantou que nas vindeiras semanas presentará unha xeira de iniciativas no Congreso para forzar ao Goberno español a tomar unha postura definitiva. Proposición non de Lei ou diversas preguntas que teñen a ver cunha problemática como a do cruzamento do Alto dos Valos, polos que, segundo dados do propio Ministerio circulan máis de 9.000 vehículos diarios.
Desinterese do goberno de Javier Bas.
A voceira nacionalista, Cecilia Pérez, acusou ao goberno de Javier Bas, do desinterese amosado coa rotonda de Os Valos, por non ter levado ao Pleno de xullo a moción na que se demanda a construción, tal e como recollía o acordo acadado polo Consello Parroquial.