O BNG considera irresponsábel ao goberno de Javier Bas no caso de Arealonga.
O PP xoga coa saúde pública mantendo a bandeira verde ata que se denunciou a mala calidade das augas.
As recentes informacións sobre a calidade das augas da praia de Arealonga de Chapela, confirman, para o BNG, a despreocupación do goberno municipal de Redondela nun tema tan sensíbel como o da saúde pública. Unha nova mostra de que se poñen por riba os intereses do goberno, sobre os dos veciños e veciñas, segundo palabras do concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González.
Para o concelleiro nacionalista, non pode ser que teña que ser a traveso das denuncias da AA.VV., que o Concello adoite as medidas informativas axeitadas. Trátase dunha clara deixazón de funcións. Estar ao fronte do goberno significa tomar decisións, e non ir dando bandazos para que os problemas que afectan a un importante número de veciños e veciñas, se solucionen por si sós, afirma.
As declaracións feitas polos representantes municipais, considéranas dende a formación nacionalista unha temeridade, pois afirmar que como ata agora non se deron casos de que ninguén enfermara por bañarse en Arealonga, cumpría escapar do alarmismo, non son as axeitadas para quen debe velar pola saúde pública.
Xoán Carlos González considera que as analíticas están para algo, e o que un goberno responsábel debe facer, é informar aos veciños e veciñas. Actuouse novamente de xeito neglixente.
Control dos verquidos
Despois de tres anos nos que o equipo de Javier Bas asumiu a responsabilidade de gobernar o Concello de Redondela, non se pode afirmar agora, que están buscando a orixe dos verquidos. Para Xoán Carlos González, se a fonte de contaminación está na EDAR de Teis, a Xunta de Galiza fai deixazón de funcións e xoga coa saúde dos e das bañistas. En caso de que a orixe estea en verquidos aos regatos, o Concello é o primeiro responsábel por non telos controlados.
Recorda o concelleiro nacionalista que asumindo o BNG a área de medio ambiente chegouse a recomendar que os e as bañistas non empregaran as augas da praia, por mor dos resultados das analíticas. Tratouse dunha decisión delicada, mais esperábel para quen si exerceu de xeito responsábel velando pola saúde pública. Afirma igualmente que o entorno da praia estaba saneado.
Nas últimas semanas o goberno de Javier Bas non fai máis que transmitir inquedanza aos veciños e veciñas. Primeiro recoñecendo a falla de control das augas das fontes públicas; agora actuando neglixentemente en canto á calidade das augas en Arealonga, conclúe o concelleiro nacionalista.