Por iniciativa do BNG, Redondela rexeita a política xenocida do Estado de Israel.

Por iniciativa do BNG, Redondela rexeita a política xenocida do Estado de Israel.

Apoiada polos grupos da oposición e un concelleiro do PP, a moción recolle o dereito do pobo palestino a vivir na súa terra, e se condenan os ataques do exército israelí.

Seis eran os acordos que recollía a moción da organización nacionalista, defendida pola súa voceira, Cecilia Pérez. Dende o Pleno da Corporación, como voz dos veciños e veciñas de Redondela, reclámase ao estado de Israel que abandone a súa política imperialista, o cesamento nos seus ataques sobre a poboación civil, e o respecto ao dereito internacional.

Os ataques que se están a producir contra a poboación civil, na franxa de Gaza, levaban no momento do debate plenario, a triste cifra de 1.500 vítimas civís. Delas, unhas 400 correspondían a menores. Familias enteiras aniquiladas polos bombardeos indiscriminados.

A ofensiva israelí, agrava a situación dunha poboación sometida nas últimas décadas ao fustigamento dun dos “exércitos mellor equipados do mundo”: o levantamento dun valado perimetral que mantén á poboación illada, infraestruturas básicas inexistentes, sectores produtivos deteriorados, ínfimas condicións humanitarias e sanitarias.

Pola banda do goberno local, Teresa París encargouse de rebater os argumentos da moción. Prantexou que os termos da mesma non eran acaídos, defendendo que polo bando israelí, tamén houbo vítimas, e calificando a Hamas como banda terrorista. Obviou deliberadamente a situación de opresión que están a sufrir a poboación de Gaza. Para o BNG indigna escoitar a quen se gaba de seren a presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Un novo exemplo de que ao PP somentes lle interesa encherse a boca, ostentando medallas e cargo. Cómpre recordar que este Fondo, do que forman parte concellos e deputacións ten como un dos seus cometidos “defensa dos dereitos humanos”.

Cecilia Pérez recordoulle á concelleira do goberno de Javier Bas, a vaga de movementos de solidariedade internacional contra a ocupación do estado de Israel. A agresividade das accións armadas buscan sabotar os achegamentos entre Hamas e Al-Fatah para a conformación dun goberno de concentración nacional.

A opción tomada pola voceira do PP, non puido ser máis desalentadora: oporse á moción. Dubidaron inicialmente a apoiala, posto que entre os propios concelleiros non sabían como levantar a man. Finalmente os votos de AER, PSOE, un concelleiro do PP e BNG, apoiaron a moción de respaldo ao pobo de Palestina.

 

 

Por iniciativa do BNG, Redondela rexeita a política xenocida do Estado de Israel.