O BNG presentou en Redondela a proposición non de lei en defensa do xeito e o racú.
O BNG presentou o pasado venres 10 de outubro, no seu local de Redondela, aos mariñeiros da localidade, representante das mariscadoras e da Asociación de Veciños de Cesantes, a proposición non de lei, que xa foi remitida ao Parlamento Galego, Congreso dos Deputados e a Eurocamara, na que se pide que se exclúan as artes tradicionais de pesca de xeito e racú da prohibición de pescar sardiña dada a escasa incidencia que a pesca con este tipo de arte ten sobre a sardiña e sobre os TAC. Unha prohibición que afectará a numerosas embarcacións de Redondela.
No acto participaron a eurodeputada Ana Miranda, o deputado galego Daniel Rodas Chapela e a portavoz municipal Cecilia Pérez.
Ana Miranda asegurou que esta medida da UE é moi nociva para os mariñeiros galegos que utilizan estas artes tradicionais, que teñen escaso impacto sobre os bancos de sardiña, e que vai perxudicar a 427 xeiteiros, 40 deles de Redondela, cun total de mil mariñeiros galegos que se quedarían sen traballo. Este tipo de pesca tradicional leva practicándose en Galiza desde hai máis de 200 anos.
Os parlamentarios do BNG sinalan que este tipo de artes son propios de pequenas embarcacións con pouca capacidade de captura que pescan preto das rías e con descargas que non acostuman a superar as 4 caixas de sardiñas e xoubas por barco. Non é unha pesca expansiva e non pescan toneladas, afirman.
Piden que se atendan as xustas demandas deste colectivo de mariñeiros e que os exclúan da prohibición de capturar sardiña. Unha demanda compartida por outros sectores pesqueiros que corroboran o nulo impacto do xeito e do racú, afirmou Daniel Rodas. Consideran inxusto que se lles aplique as mesmas restricións que se impuxeron á flota de cerco e aos barcos portugueses.
Pola súa banda os mariñeiros asistentes á reunión comentaron : Din que temos outra alternativa, non é certo, si nos prohiben pescar co xeito iso será a ruína, e pregúntanse onde están os outros parlamentarios ? onde está Cañete?
Afirmaron tamén Só se defenden os grandes intereses, quérennos botar fora do Mar, a flota de baixura non lles interesa
O BNG de Redondela presentará unha moción neste senso no próximo pleno.