O BNG de Redondela coa Asociación Cultural de Chapela
No encontro co colectivo puxéronse enriba da mesa demandas e necesidades para seguir medrando.
22 xan. 2024 - 07:53
Encadrado na rolda de encontros con todo tipo de colectivos celebrouse esta xuntanza entre membros da entidade cultural de Chapela e do Bloque Nacionalista Galego. Deuse repaso ás actividades que realiza tanto no Multiúsos do Piñeiral, como nos baixos do pavillón municipal de Chapela. Entre as primeiras, aquelas máis de carácter social, onde as persoas maiores teñen maior protagonismo, as segundas, as relacionadas coa Escola de Música.
No encontro puxéronse enriba da mesa problemáticas como o “desinterese” do goberno municipal para chegar a acordos organizativos no uso dos espazos do Multiúsos. Igualmente plantexouse por parte do colectivo o empeño en medrar tanto físicamente buscando máis espazos para a súas actividades, como na tipoloxía ao pretender convertirse tamén en escola de baile e danza.
Dende a organización nacionalista plantexan unha mellora na biblioteca pública “Xela Arias” para ofertar tanto á veciñanza en xeral como ao estudantado en particular, un verdadeiro recurso de calidade. Igualmente os colectivos culturais, asociacións e entidades que desenvolven o seu traballo na parroquia verían cubertas as necesidades de locais.
Pola súa parte, o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González Campo manifestou a necesidade de reestructurar os espazos culturais e asociativos dos que dispón Chapela. “A construcción dun novo edificio multifuncional nos terreos do antigo colexio de Igrexa son unha aposta do BNG. Deste xeito vaise poder reorganizar e impulsar as necesidades dos colectivos da parroquia”.