O BNG de Redondela demanda a reactivación dos eventos culturais
O 27 de abril de 2020 o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, fixo unhas declaracións na Radio Municipal de Redondela nas que afirmaba que, desde a concellería, non se programarían actividades para os meses de xuño, xullo e agosto. Recóllese na nota difundida pola Radio Municipal que, a primeira cita cultural será o Festival Internacional de Títeres no mes de setembro.
Trala declaración do Estado de Alarma polo COVID-19, as actividades culturais sufriron un importante parón de contratacións. Despois de meses de paralización cultural pola crise sanitaria, desde o BNG considérase que xa é o momento da súa reactivación. Nun escrito asinado pola concelleira do BNG, Jessica García, solicitábase maiores explicacións sobre a actividade da concellería nos meses de verán. “Malia que daquela aínda se mantiñan importantes restricións, considerabamos que existía a posibilidade de elaborar unha programación online de actividades culturais”, apunta. “As explicacións que nos trasladaron non foron satisfactorias”.
Consideran dende a organización nacionalista, que co remate do confinamento estrito e a abertura de novos espazos que ata o de agora estaban pechados ás veciñas e veciños a actividade cultural debe restablecerse para este verán. Desta maneira, propoñen facer pequenas actividades culturais como concertos, monólogos, proxeccións, demostracións literarias…nas prazas dos cascos urbanos. “É asumible, controlando o aforo e coas medidas sanitarias oportunas, facer actividades ao aire libre tanto na vila como nas parroquias”, entende a concelleira do BNG.
Sinala, que a reactivación das diversas actividades culturais “empregando o Rexistro de Artistas Locais, xa se pode contratar para reactivar este sector tan afectado pola crise, sen esquecerse os criterios de xénero”.
Coa chegada da Fase 3 Redondela está en predisposición de reactivarse e empregar a cultura tamén como unha vía de desenvolvemento social do noso pobo, polo que o Bloque Nacionalista Galego de Redondela solicita que a Concellería de Cultura comece xa a programar as actividades para este verán, prestando especial atención aos Convenios Interparroquiais. Redondela non pode estar ata setembro sen actividade cultural, rematan na súa nota