O BNG DE REDONDELA ENTÉRASE DO PLAN DE TRÁFICO POLA PRENSA.
No Pleno da Corporación do mes de outubro, a voceira do Bloque Nacionalista Galego, solicitara a comparecencia do concelleiro de Tráfico e Seguridade Vial, Arturo González. Tratábase de que aclarara a situación do control da xestión do tráfico. Con máis parafernalia que convicción, este concelleiro afirmaba que estaban traballando na elaboración dun novo Plan de Tráfico, que sería presentado aos grupos da Corporación para que fixeran diversas aportacións.
Á espera de que se producirá dita presentación, dende o BNG, como o resto de veciños e veciñas de Redondela, fomos testemuñas, dun deterioro progresivo na situación do tráfico no concello.
Ao longo destes meses, o BNG dirixíuse ao alcalde e concelleiro, para que actuara en diversos aspectos que tiñan a ver con esta problemática. O control da hora azul e a sinalización de prazas para minusválidos, serían algunhas das máis evidentes.
O concelleiro de tráfico, como vén facendo o goberno do PP, vai deixando caír cousas a traverso dos medios de comunicación. Dá a impresión de que somentes actúan de cara á galería, con grande pompa. Pero a política, e neste caso a xestión do tráfico, faise traballando día a día.
Ademáis de habilitar os terreos, en principio adicados ao Auditorio Municipal, para aparcadoiro, apostaron por transferir os terreos da Praza de Ponteareas, para con cartos do concello, crear un novo aparcadoiro. Nestes últimos días, difunden con grande profusión de medios, mesmo a páxina do Concello, para ir soltando pinceladas sobre o seu Plan de Tráfico. A última das medidas refírese á tala de árbores no aparcadoiro a carón da Alameda.
Ademáis de evidenciar unha falta total de interese porque sexan os grupos políticos os que coñezan, para poder facer unha valoración e aportar iniciativas, o único obxectivo do goberno municipal do PP, é meter máis coches en Redondela. Porque xa se sabe desa máxima, se hai coches, hai vida.