O BNG de Redondela exixe ao goberno municipal que garanta o acceso ao mar na zona de Soutelo, Cedeira
Dende hai máis dun ano, un grupo de mariñeiros afeccionados e a propia Confraría de
Cesantes impulsaron unha loita reivindicativa reclamando o acceso público ao mar no lugar de Soutelo, na Formiga, parroquia de Cedeira.
20 maio 2025 - 08:26
No verán de 2023 un particular decidiu pechar as escaleiras que permitían o acceso ata un espazo no que deixaban as súas embarcacións deportivas. As mariscadoras tamén se viron afectadas pois servía de entrada a unha zona de marisqueo.
Ante a inacción e mesmo obstrución municipal, o colectivo viuse obrigado a iniciar
medidas legais contra o particular, asumindo todos os custos. Finalmente, os xulgados
deulles a razón recoñecendo o uso público deste paso ata o mar.
O noso voceiro Xoán Carlos González expresou a súa preocupación polo abandono ao que foron sometidos este colectivo por parte do goberno municipal de Redondela. Todos os esforzos tentando que o goberno municipal asumira a responsabilidade de defender os intereses públicos tiveron unha resposta negativa. Durante meses o noso grupo municipal intentou procurar o apoio tanto do PSOE coma do PP, mais decidiron ignorar a problemática.
Estamos ante un claro exemplo de desinterese vergoñento e abandono de funcións por
parte do concello na defensa dun espazo público. Exiximos que o goberno municipal garanta de inmediato a posibilidade de acceder ao mar en Soutelo.
Destacamos o apoio que dende o BNG prestamos a esta xusta loita protagonizada por un grupo de veciños e mariscadoras que deron a cara polo dereito das redondelás de poder pasar libremente ata o mar en Soutelo. A persoa liberada no concello a cargo do BNG, e cesada pola alcaldesa Digna Rivas, foi crucial no proceso e asesorou constantemente ao colectivo.
Esta implicación do persoal a cargo do BNG foi o derradeiro episodio para que se
puxeran de acordo PP e PSOE no seu cese. Ademais, o goberno de PSOE e AER, xunto co silencio do PP, tiña previsto recoñecer en pleno que as escaleiras pertencían a este particular. Por iniciativa do BNG paralizouse esta proposta plenaria.
Dende o BNG de Redondela tamén levamos a problemática ao Consello Parroquial de Cedeira para poñer en valor a iniciativa do colectivo de veciños. Quixemos que o resto da parroquia amosara o seu apoio e recoñecemento a estos veciños e veciñas xa que o goberno municipal do PSOE non o fixo.