BNG de Redondela na XIV Asamblea Nacional.
Tomándolle o pulso á realidade social galega, o Bloque Nacionalista Galego, encarou con valentía e determinación un novo proceso asamblear. Despois de debater por todas as comarcas do País o documento base, as conclusións poden resumirse en tres apartados:
- Aposta decidida pola soberanía do pobo galego.
- Participar en todos os movementos sociais que traballen a prol dos dereitos sociais conquistados ao longo destas últimas décadas.
- Axustar o traballo institucional ás arelas e demandas do conxunto da sociedade.
Sen esquecer que a Galiza debe ocupar un lugar no conxunto das nacións liberadas do mundo, mais que debe desenvolver un papel importante nunha Unión Europea dos pobos, e nun estado español de nacións.
Nun momento de cambio, mais tamén de resistencia no ideolóxico, e de novos compromisos no social, cómpre dar respostas acaídas ás demandas do conxunto da cidadanía.
A militancia do BNG de Redondela, volveu participar nun proceso exemplar polo que supón de manifestación democrática. Fai seu un documento no que participaron miles de militantes, nutríndoo con máis de cen emendas que foron refrendadas polo Pleno da Asemblea Nacional.
De todas estas teses, na súa reflexión, e dando o respaldo á nova executiva e ao portavoz nacional Xavier Vence; participou activamente a Asemblea Local do BNG de Redondela. O responsable local, Xavier Balsas, afirmou que coma sempre a militancia de Redondela, atópase na vangarda da acción político-institucional.
Defender os dereitos dos estafados polas preferentes, mobilizarnos en contra da ampliación da AP-9, manter a iniciativa na oposición ao goberno de Javier Bas, seguir apostando por un modelo social e un proxecto de País diferente, difusión da mensaxe nacionalista fronte a discursos recentralizadores,... son os piares sobre os que se asenta o traballo da Asemblea Local do BNG.
Nas vindeiras semanas continuara o proceso asamblear coa renovación dos Consellos Comarcais e Locais.