O BNG de Redondela pide unha prórroga para as axudas a comedores escolares.
O Grupo Municipal vén de dirixirse ao goberno municipal para que prorrogue a convocatoria de axudas aos comedores escolares, para o curso 14/15. O escrito presentado polo concelleiro, Xoán Carlos González, resposta ao escaso marxe de tempo que se lle dá ás familias interesadas en tramitar este tipo de axudas de carácter económico.
A publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases para axudas a comedores escolares do Concello de Redondela, o pasado 24 de xullo, recollían un prazo de 15 días hábiles para a presentación de toda a documentación. Para o concelleiro nacionalista, trátase de moi pouco tempo para cubrir todos os requirimentos que se solicitan. Engade que a convocatoria pública está fóra de tempo, pois a estas alturas de verán moitas familias non van ser coñecedoras da apertura deste período para tramitar as axudas.
Segundo a nota do Grupo Municipal, incluso existen requirimentos recollidos nas propias bases que non se van poder cumprir, como por exemplo, os certificados dos centros educativos e das ANPAs. Isto complicaría o traballo das traballadoras sociais posto que ante a falla de documentación, volverían a solicitarlla aos solicitantes, na espera de poder tramitar todo o expediente.
Na súa solicitude o BNG demanda ao goberno de Javier Bas unha prórroga de cando menos un mes de vixencia das bases de axuda para os comedores escolares do vindeiro curso. Chegaríase deste xeito á primeira semana de setembro, tempo de abondo para que as familias estiveran informadas e puidera tramitarse moita da documentación.
Solicitude do Consello Escolar Municipal.
Por outra banda o responsábel local do BNG, Xavier Balsas tamén demandou por escrito a convocatoria do Consello Escolar Municipal, o correspondente a finais de curso, para que entre outras cousas se prantexara esta cuestión.