O BNG de Redondela rexeita que o Concello contrate en precario.
Para Cecilia Pérez, preténdese converter a administración municipal nun instrumento de emprego en condicións indignas.
O goberno municipal de Redondela, presentoulle aos grupos da oposición as bases para a contratación de 17 peóns con cargo a unha subvención de 71.000 da Deputación Provincial. Pretendese que se encarguen do mantemento de camiños, rúas, estradas e das súas marxes. Os candidatos e candidatas forman parte da bolsa de desemprego de Redondela (3.000), e en situacións potenciais de risco de exclusión social (perceptores/as do RISGA, ou non perceptoras de ningún tipo de prestación), ademais no propio baremo recóllese que se puntuará a aquelas persoas desempregadas de longa duración.
Condicións de precariedade laboral.
As condicións nas que se pretende desenvolver estas contratacións son consideradas pola voceira nacionalista, Cecilia Pérez, indignas para unha administración pública como o Concello de Redondela. Estes 17 empregad@s traballarían a tempo parcial 25 horas semanais, de luns a domingo, con horario flexíbel en función das necesidades do servizo, cunhas retribucións brutas de 502,15 mensuais.
O BNG non lle vai dar o aval ao goberno de Javier Bas para que desenvolva esta contratación. Consideramos que non pode ser que a administración local contrate en precario, continúa na súa nota a voceira nacionalista.
Na propia Comisión, Cecilia Pérez propuxo que fora o goberno municipal quen fixera directamente as contratacións, con soldos axeitados e en condicións laborais dignas. A lexislación sacada adiante polo Partido Popular impide esta cuestión, mais o curioso é que a Deputación, tamén administración pública, si que pode contratar.
Nos orzamentos municipais, existe unha partida de 90.000 euros para que unha empresa se responsabilice de traballos similares. Un exemplo claro de como o goberno municipal, apoia o deterioro do emprego público, para fomentar as empresas privadas, continúa a voceira do BNG.
Discurso do medo.
Para o BNG existen prioridades á hora de investir os fondos públicos. Non pode ser que con cartos procedentes da Deputación, se invistan 120.000 en parques infantís, e pola contra se vaian a pagar 532 euros brutos a traballadores encargados do mantemento viario, apunta a voceira nacionalista.
Aproveitando a situación de crise económica, e a desesperación de moitas familias, o goberno de Javier Bas vai fomentar a precariedade laboral. En conivencia coa Deputación Provincial, trátase de instaurar unha rede clientelar en base á desesperación de moitas persoas, afirma Cecilia Pérez.
A proposta finalmente saíu adiante co apoio do Partido Popular, e as abstencións do PSOE e de AER.
O goberno municipal volve esgrimir o discurso do medo para xustificar unha iniciativa que de ningún xeito unha forza política como o BNG vai apoiar, concluíu a nosa voceira.