O BNG de Redondela rexeita a manipulación da figura de Casto Sampedro.
A programación vai servir para promocionar persoas vinculadas ao Partido Popular.
O Pleno da Corporación Municipal do mes de decembro de 2011 apoiou que o presente ano se adicara á difusión da vida e obra de Casto Sampredro, en conmemoración dos 75 anos do seu pasamento.
Este xoves 15 de novembro, presentouse publicamente a Programación que xa nos últimos meses do ano, se vai desenvolver por diferentes parroquias do Concello.
O Grupo Municipal do BNG sorprendeuse de que na realización do traballo, participasen persoas ligadas directamente ao Partido Popular de Redondela. Máis aínda se cabe a crítica pois, Julio Alonso, candidato número 11 nas últimas eleccións municipais, e Amado Ricón, exalcalde do PP, despois dunha moción de censura, van participar en diversas charlas e conferencias polas parroquias do Concello. Trátase dunha promoción descarada de persoas que pretenden utilizar actividades de tipo cultural, como trampolín político no noso concello.
Dende o BNG censuramos o xeito de actuar tanto do concelleiro de cultura, Alberto Pazos, como responsable da Programación, como do propio alcalde, Javier Bas. Trátase dun claro exemplo, no que o Partido Popular, manexa os cartos dos cidadáns, e as institucións nas que goberna para sacar rendibilidade política.
Rexeitamos as fórmulas maquiavélicas que este goberno municipal de Javier Bas, está a empregar en Redondela. Consideramos dende o BNG, que se deben cambiar as formas, promocionando a nosa cultura, e as figuras que deixaron pegada, pero non deste xeito.