O BNG de Redondela valora positivamente que se retirara o contedor da Punta da Praia.
Cecilia Pérez considera que o goberno de Javier Bas viuse obrigado a retiralo pola cercania electoral.
A retirada do contedor da Punta da Praia obedece máis a intereses electoralistas do Partido Popular, que a un verdadeiro compromiso co futuro da praia de Cesantes. Así é como valora a voceira municipal, Cecilia Pérez a iniciativa forzada a tomar por parte do goberno de Javier Bas. En ningún momento quixeron contar coa participación do Consello Parroquial, posto que non o levaron a debate cando se instalou ou cando se mercou por 5.000.
Destaca que dende o BNG non podemos máis que valorar positivamente a retirada do contedor, despois de que llo pedíramos por escrito ao alcalde en varias ocasións dende que se rematara o curso en turismo náutico hai un ano. Despois de escoitada a defensa feita pola concelleira de desenvolvemento local, Ana Alonso a favor do mantemento do contedor na Punta da Praia, para a voceira nacionalista, o goberno municipal non tiña intención de retirar este obstáculo deste entorno privilexiado de Redondela.
Tirar con 5.000 euros.
Tal como se manifestou Ana Alonso en sesión plenaria, o Concello acababa de mercar o contedor poucos días antes. Para o BNG, confírmase que tiraron con 5.000 euros ao mercarllo á empresa que desenvolveu o curso. Mercouse con cartos que non son deles, e non teñen outro interese que o de actuar con actuacións espectaculares.
Para Cecilia Pérez, co mantemento máis dun ano nun espazo tan sensible como a Punta da Praia, onde van desenvolver unha actuación que rolda os 8.000, deixa ben ás claras que o único importante para Javier Bas, e o seu equipo é o lucimento persoal, e traballar no inmediato.
Dende o BNG queremos dicirlle a este goberno municipal, que un concello constrúese tendo en conta as verdadeiras necesidades colectivas, con actuacións a medio e longo prazo, e nos que primen os intereses do conxunto sobre os particulares.