O BNG responsabiliza ao goberno de Javier Bas, do atraso no Auditorio.
Segundo Xoán Carlos González, a obsesión de retrasar obras, de cara ás municipais, e os problemas das inundacións, forzaron a que o Festival Lareta tivera que celebrarse noutros espazos.
Segundo o concelleiro nacionalista, o goberno municipal, puxo en marcha unha estratexia de retrasar as obras o máximo posíbel, para chegar á campaña electoral das municipais, con obras a estrear. Esta dinámica, levounos a que as obras de renovación da cuberta do Multiusos de A Xunqueira, se fixera en pleno outono, época de choivas no noso País. Calquera veciño ou veciña, que acometa este tipo de obras na súa casa, sabe en que momento se deben facer. Semella que o goberno non.
Para Xoán Carlos González, a irresponsabilidade do equipo de goberno, con Javier Bas á fronte, foi clara, manifesta e evidente. Tentou botar as culpas aos técnicos municipais, mais o retraso na obra, foi única e exclusivamente, decisión súa.
Para o concelleiro do BNG a Programación Cultural está sufrindo os efectos destas decisións políticas. Podemos comprobar como o Auditorio do Multiusos non está aínda en condicións óptimas, para celebraren actos culturais.
Denuncia o concelleiro do BNG, que houbo que trasladar varios espectáculos do Festival Lareta,a outros lugares que non cumprían as condicións mínimas de calidade para o nivel dos eventos. O último destes episodios foi o espectáculo de Quico Cadaval e Celso Sanmartín. Suporá un sobrecuste para o Concello, posto que haberá que pagarlle á empresa encargada do son.
A obra do Multiusos, constitúe a evidencia máis clara de que Javier Bas e o seu equipo, están anclados en épocas pretéritas. Pensan que o feito de ter obras abertas en todos lados, con claros tintes eleitoralistas, xustifican catro anos de involución . Considera Xoán Carlos González, que a xente vai castigar esta estratexia, pouco acorde cos tempos nos que vivimos. Afortunadamente esta vaga do PP, vai rematar en poucos meses en Redondela, afirma.