A mofa dende un “clic”,contra os que defendemos o idioma.

A mofa dende un “clic”,contra os que defendemos o idioma.

A pesares de que nos atopamos en pleno Entroido, época para o desenfado, a mofa, e incluso rirse dun mesmo, hai cuestións que non se poden deixar pasar por alto.

Xa non é de estrañar en Redondela, que alguén que nunca vai mover un dedo, máis alá dun clic, pola defensa do noso idioma nacional, o galego, poida aportar algo en positivo. Agochándose no seu anonimato covarde, ninguén acredita nas súas proclamas. Calquera día, mesmo se mete a escritor.

Pola contra empregar este anonimato dende unha organización que se considera asemblearia, democrática e participativa, para mofarse daqueles que nos mobilizamos polo futuro do galego, convértese nunha ruindade aínda maior. Que AER utilice os desvaríos dun covarde para atacar ao nacionalismo comprometido coa defensa do galego, deixa ben ás claras quen dirixe esta organización.

En pleno século XXI, un pobo, o galego, aínda ten que estar a pé de rúa para defender os seus dereitos lingüísticos, para defender o futuro do seu idioma. A militancia do BNG, xa ten asumido hai anos, que para frear as políticas antigalegas dos gobernos do PP, debe non só usar o galego, senón defendelo tamén na rúa.

Xa sabemos, que para moita modernidade “progre”, o galego pode ser un obstáculo para “abrirnos ao mundo”. Unha visión totalmente centralista do problema do idioma. Xa sabemos que para moitos, é máis transcendente mediaticamente, facerse mil quilómetros para “rodear o Congreso español”, que facer 170 á capital do País a defender o noso idioma.

En contra do que o PP quere facer crer, non somos tan pretensiosos os do BNG, como para considerarnos os únicos e verdadeiros defensores do galego, non. Mais se o compromiso en defensa do idioma de todas as forzas políticas, cumprira uns mínimos, o galego non estaría nos niveis de “desuso” nos que se atopa na actualidade.

Constitúe un acto vergoñento, que quen non se implicou a nivel colectivo en ir a defender a Compostela o noso idioma, se considere por enriba do ben e do mal para tentar ridiculizar a quen se move por unha cuestión tan relevante. Era de esperar isto por parte da dereita do PP, mais a dirección de AER, púxose ao seu mesmo nivel. Dende hoxe, AER, será considerado como o defensor do galego nun “clic”.

P1050006

A mofa dende un “clic”,contra os que defendemos o idioma.