O BNG solicita a convocatoria da comisión de interior.
Pide que se dea conta das xestións ante Fomento na mellora da seguridade vial na N-550
Diante das informacións verquidas polo alcalde Javier Bas, sobre as medidas a tomar na mellora da seguridade vial na estrada N-550 ao seu paso polo concello de Redondela o grupo municipal do BNG, solicitou unha a convocatoria da Comisión de Interior. Preténdese coa mesma, que as diferentes forzas políticas coñezan de primeira man, cales foron as xestións feitas dende o equipo de goberno para a mellora da seguridade vial.
Redondela vese atravesada por tres estradas de titularidade estatal, sendo a N-550 a de maior movemento de tráfico. Nos últimos meses, por mor da suba da peaxe da autoestrada, o aumento de tráfico pesado e vehículos particulares, tense incrementado enormemente. Máis de vinte mil vehículos que cruzan o concello, por áreas densamente habitadas como o casco urbán de Os Tras, Redondela, nas que se inclúen mesmo zonas escolares.
A precoupación da veciñanza polo alto número de vehículos, implica unha actuación ben programada, e planificada por parte da Demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento.
Dende o BNG quérese saber de primeira man cales son as xestións feitas polo equipo de goberno, os compromisos aos que se chegou, e mesmo posíbeis prazos e orzamentos para as diferentes obras e actuacións de sinalización, que deben mellorar a seguridade viaria no concello de Redondela.