O BNG tilda de oportunista a viaxe do alcalde de Redondela en actividades de carácter educativo.
A participación de Javier Bas senta un precedente ao intervir directamente nun proxecto estritamente educativo.
A participación, a pasada semana do alcalde de Redondela, Javier Bas, nunha viaxe pola Enseada de San Simón dentro do Programa Mar, Traballo e Patrimonio valórase dende a organización nacionalista co único fin de acadar protagonismo mediático.
O BNG, recórdalle ao alcalde que este Programa ten un carácter educativo e formativo, enfocado a que o alumnado de secundaria coñeza o seu entorno marítimo máis próximo. Para acadar este obxectivo de carácter didáctico, a propia cooperativa encargada de elaborar e desenvolver o programa, xunto ao profesorado de secundaria deben ser quen asuman dita responsabilidade. Vivir ao borde dun espazo catalogado dentro da Rede Natura 2000, debe destacarse como un auténtico privilexio para o conxunto da sociedade en xeral, e para a mocidade en particular.
Esta intervención do alcalde, senta un precedente moi negativo para a política local. As actividades de carácter educativo no medio natural da Enseada, foron iniciadas co anterior concelleiro de medio ambiente e en ningún momento interferiu no traballo dos e das responsábeis do programa.
A educación e sensibilización das novas xeracións arredor dos valores medioambientais, históricos, culturais e turísticos da Enseada, converteuse en todo un reto para a administración local. Mais esta responsabilidade non pode ser tomada á lixeira, para quen asumiu o bastón de mando hai preto de dous anos.
Dende o BNG, consideran unha falta de respecto cara o propio profesorado, que se presentara sen preaviso. Dende a organización nacionalista emprázano a mantelas formas e asumir o papel de alcalde, cumprindo coas súas obrigas.