O BNG valora positivamente a folga do ensino en Redondela
Éxito rotundo da convocatoria de Folga, en todos os centros educativos do concello.
Tanto á hora de entrada como de saída dos centros educativos en Redondela, podía apreciarse unha falla total de movemento. Nin atascos, nin nen@s camiñando cara ao colexio. Aulas valeiras, recreos sen alumnado. A convocatoria de Folga no ensino, pode cualificarse de éxito completo.
Arredor dun 80% do profesorado apoiou esta convocatoria. No ensino primario a porcentaxe de participación foi maior que no secundario, onde xa moito alumnado está realizando as prácticas.
O rexeitamento a unha lei tan retrógrada como a LOMCE, apoiada no último Pleno polo Partido Popular, contou co rexeitamento frontal de toda a comunidade escolar. As familias tamén compartiron esta convocatoria, pois entenderon que o principal obxectivo é que o groso do estudantado pase a un mercado laboral en condicións de desigualdade.
A organización local do BNG, encarou o apoio a esta convocatoria de Folga, realizando diversos actos informativos.
O venres 3 de maio, nun acto que contou coa presenza da sindicalista da CIG, Marta Dacosta, na Casa da Cultura, destacáronse os aspectos básicos do rexeitamento á Lei Wert. Centralizadora, elitista, segregadora, sexista, antidemocrática, mercantilista e antigalega. Serían estes os eixos sobre os que se fundamenta o rexeitamento da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que tamén forma parte o BNG.
O luns 6 o grupo municipal do BNG, mantivo unha xuntanza con representantes das ANPAs de Redondela. A falla de información para poder transmitirlla aos seus membros, foi o eixo central das críticas á campaña de mobilizacións.
Neste encontro, déuselles de primeira man información sobre o futuro educativo e social que esta lei plantexa, pois vai máis alá do mero cambio de materias curriculares. Convértese nun dos eixos principais do Partido Popular, para impoñer un novo modelo social, onde se acentúen as desigualdades, manifestou a voceira do BNG, Cecilia Pérez.
A importante presenza tanto de profesorado, como de familias ao completo, na manifestación do xoves 9, xunto ao amplo seguimento da convocatoria de Folga, certificaron o seu éxito rotundo.
Dende o BNG, imos seguir traballando para parar a LOMCE.