A calamitosa secuencia da elección do Persoier@ do Ano.
A elección por parte de PP/PSOE/AER, de Telmo Bernárdez como Persoeiro do Ano, no Pleno celebrado o día 2 de setembro, puxo fin a unha xeira de despropósitos acumulados ao longo do ano.
Iniciouse o expediente en decembro de 2014, cando o daquela concelleiro de cultura, Julio Alonso, iniciou todo o proceso, coa correspondente resolución asinada polo alcalde, Javier Bas.
Durante o mes de xaneiro, convidáronse arredor de 90 colectivos a participar desta elección. Unicamente respostaron á convocatoria do Concello...5, o que xa de por si significa todo un fracaso. Deses 5, dous colectivos coincidían na proposta dunha insigne pedagoga redondelá, outro presentaba a proposta dun loitador antifranquista, unha terceira proposta destacaba a figura dun alcalde da ditadura, e a cuarta de Telmo Bernárdez.
A finais de xaneiro, convídase ás forzas políticas para que nomeen aos seus respectivos representantes. BNG, xunto a PSOE, nomean a mediados de febreiro. PP e AER, deixan dito nomeamento para o mes de abril, en plena precampaña.
As semanas van pasando marcadas pola celebración das eleccións.
Ata agosto, non se volve saber nada desta Comisión. A convocatoria foi de finais de agosto. Os tempos acúrtanse, para a celebración das actividades de difusión desta figura.
Na Comisión de Valoración, o representante nacionalista, cuestionou todo o proceso, argumentando que se trataba dunha convocatoria extemporánea e con escaso aval social. Os tres representantes de PP/PSOE/AER, decidiron manter a súa postura.
Celebrouse unha primeira votación na que os tres grupos apoiaron unha proposta diferente. Finalmente acordaron nomear a Telmo Bernárdez como persoeiro do ano.
Como se pode comprobar, volve deturparse o proceso de elección de Persoeiro do Ano. Recoñécese que vai ter que ocupar parte do 2016.
O BNG, insta ás demais forzas con representatividade municipal, a reconducir o procedemento, posto que non se pode converter nunha especie de quiniela, á que lle teñamos que dar as forzas políticas, finalmente o noso aval. Agardamos que esta coherente postura da organización nacionalista, sexa recollida polos outros grupos.