A campaña de asfaltado en Redondela, refrenda a acción de goberno do BNG

A campaña de asfaltado en Redondela, refrenda a acción de goberno do BNG

A maioría de camiños que se están a asfaltar están dotadas de saneamento.

A estratexia do goberno municipal de intensificar o asfaltado de camiños e viais municipais, confirma a liña a seguir do PP. Coa complicidade dunha institución de carácter caciquil, como é a Deputación de Pontevedra, preténdese dar a imaxe de que se están a facer cousas nas parroquias.

Unha política antagónica á liña de traballo do Bloque Nacionalista Galego en Redondela. Aínda que a necesidade de reparación dos viais do concello cabe dentro das responsabilidades do goberno, cómpre manter prioridades. Estas prioridades nas parroquias, pasan por completar as redes secundarias de saneamento. O obxectivo  é que todos os veciños e veciñas do concello de Redondela, poidan gozar en pé de igualdade dos mesmos servizos.

Este xeito correcto de traballar, constátase, en que na maioría dos Consellos Parroquiais, os e as representantes veciñais demandan como prioridade número un, a extensión da rede de saneamento. Ditas demandas non entraban nin tan sequera nos seus cálculos antes do ano 2003.

Facendo un seguimento dos viais que se están a asfaltar, na inmensa maioría o saneamento xa está construído por unha acción directa do BNG. Unha evidencia incontestábel, que nin sequera o concelleiro de medioambente pode seguir camuflando. Pódese mentir ou enganar a quen nunca lle ten prestado atención á situación das parroquias.

A realidade é ben terca. Os orzamentos negociados coa Agrupación de Electores, recollen menos de 300.000€ en saneamento. Non se chega nin á metade do ritmo inversor nos anos nos que o BNG gobernou en Redondela.

Mais esta liña de actuación supuxo no seu momento que nas diferentes negociacións co Partido Socialista, e no seu momento con Esquerda Unida, houbera que deixar ben claro cales ían a ser as prioridades da participación do BNG no goberno municipal.

A campaña de asfaltado en Redondela, refrenda a acción de goberno do BNG