Campaña eleitoral en Redondela: Obxectivos cumpridos!
O BNG de Redondela afronta a recta final con máis unidade e ilusión.
Vai máis dunha semana de Campaña Eleitoral das Autonómicas, e dende o BNG valórase moi positivamente o xa feito en Redondela.
Dende o primeiro día os homes e mulleres do Bloque Nacionalista Galego puxéronse a traballar arreo, co obxectivo de desbancar ao Partido Popular do goberno galego. O medre da única forza nacionalista e de esquerda que se presenta nesta Campaña, convértese na oportunidade de desaloxar á dereita do goberno da Xunta de Galiza.
O traballo militante constitúe unha das grandes bazas das que dispón o BNG tradicionalmente. Ante o machuque constante dos medios de comunicación públicos e privados ao servizo do bipartidismo, á única forza nacionalista galega e de esquerda, non lle queda outra que traballar a pé de rúa.
Ademais do esforzo económico que se lle pide a cada un dos e das militantes, a implicación directa, día a día na Campaña, conforma a fórmula na que se basea o traballo en Redondela.
Afrontouse inicialmente o obxectivo de chegar a todas as parroquias do concello, sobre todo con propaganda eleitoral aérea, cuestión que se acadou a mediados desta semana que vén de rematar.
Realización de mitins
Foi o noso concello un dos elixidos pola organización, para que os e as cabezas de lista, iniciaran a súa andaina de mitins por toda a provincia. Carlos Aymerich e Carme Adán, como cabezas de candidatura, xunto ao voceiro nacional, Guillerme Vázquez, e a voceira municipal, Cecilia Pérez, participaron no mitin do Multiusos de A Xunqueira. Esbozáronse as ideas forza do Programa de Goberno do BNG, aposta polo tecido produtivo, democratización institucional, afondar no autogoberno.
Paralelamente o contacto cos veciños e veciñas, o reparto man a man das nosas propostas, explicando a necesidade non só de desbancar ao goberno Feijóo, senón tamén da necesidade dunha maior presenza do nacionalismo galego no Parlamento, formou parte deste traballo.
A xa tradicional organización dos mitins nas parroquias, valórase moi positivamente polo BNG. A xente quere escoitar que hai outra alternativa, outro xeito de facer política, baseado na confianza dos nosos sectores produtivos.
Afronta a militancia do Bloque Nacionalista Galego, os últimos días de Campaña, coa confianza de que vai ser o medre desta forza, a única garantía de facerlle frente aos goberno do Partido Popular.