Cecilia Pérez: O copagamento supón un novo imposto á infermidade!
Cecilia Pérez: O copagamento supón un novo imposto á infermidade agravando, as xa de por si, precarias economías familiares.
Instar á Xunta de Galiza, a que demande a derrogación do copagamanto dos medicamentos que se dispensan a través das farmacias hospitalarias a persoas doentes crónicas non hospitalizadas; instar á administración autonómica a que non aplique esta resolución estatal; e trasladarlle o acordo plenario á Xunta e ao Goberno do Estado.
Estas foron as propostas da moción defendida por Cecilia Pérez para eliminar o copagamento de medicamentos a persoas doentes crónicas non hospitalizadas. Na votación final contou co apoio dos grupos do BNG, AER e PSOE.
A voceira nacionalista sinalou a importancia de que o Pleno, como representante dos 30.000 veciños e veciñas de Redondela, rexeitara frontalmente esta resolución estatal.
Con esta medida aquelas persoas con doenzas crónicas non hospitalizadas, teñen que achegar ata un 4,20. Ata agora o custo destes medicamentos era 0, polo que a nova taxa vai supoñer un imposto á enfermidade.
Como destacou Cecilia Pérez, estamos ante un novo exemplo de que o goberno do estado, encabezado por Mariano Rajoy, pretende modificar todo o panorama de índole social dentro do estado (sanidade, servizos sociais, ensino). A crise novamente tomada como escusa para impoñer o seu sistema económico e social.
O posicionamento do Partido Popular de Redondela novamente foi contrario a unha iniciativa do BNG. Cun argumento de marcado carácter político, a concelleira, Teresa París, defendeu ao goberno de Rajoy.
Nesta moción ten maior transcendencia quen defendeu a postura do goberno do estado. Podería ter sido calquera membro do equipo de goberno, mesmo a concelleira de facenda, por tratarse dunha medida de carácter económico. Mais xustamente foi a responsábel de servizos sociais quen se encargara de defender un por un os criterios desta resolución. Nunha área na que día a día se reflexa a precaria situación económica, social e familiar promovida por este tipo de medidas, podería ter tomado outra actitude. Mais Teresa París volveu a manexar o máis contundente dos argumentos da dereita, trátase dunha medida para facer os servizos sanitarios sostíbeis.
Cecilia Pérez apuntou ao que xa é por tod@s coñecido; que a política do Partido Popular baséase en mercantilizar o sistema público de sanidade, para acabar recalcando que estas medias tamén van a afectar a un número importante de veciños e veciñas de Redondela.