Charla da Confraría sobre o Proxecto de Lei de Acuicultura.A Xunta de Feijóo quere privatizar o mar
Na tarde do venres 5 de febreiro, celebrouse unha importante charla informativa organizada pola Confraría de Pescadores de Cesantes. Esta convocatoria, pretendía desvelar os aspectos básicos do que esta Lei vai supoñer para o sector, e abofé que o conqueríu.
Ao longo de tres horas que durou a Asemblea, puxéronse enriba da mesa cuestións de grande relevanza para o futuro das Rías e do sector do mar, xunto ás pretensións da Xunta de Feijóo, de entregarlle o mar a empresas privadas. Malia tratarse dun acto que pretendía non só informar, senón tamén mobilizar ao conxunto da veciñanza redondelá, non contou coa presenza do alcalde de Redondela, Javier Bas.
Os intervintes por parte da mesa, puxeron o acento no negativo impacto desta Lei, rexeitada frontalmente por todo o sector. A Lei non vai supoñer nada máis que facilitar a instalación de polígonos de piscifactorías e gaiolas, a calquera empresa que presente un proxecto. Así acabarase con miles de postos de traballo, arrasando mediambientalmente o noso medio mariño. A Lei non vai traer máis que miseria, dependencia e desmantelamento do sector.
Un Anteproxecto elaborado de costas ao sector. Unha Lei que vaille entregar as nosas Rías a empresas, que o único que buscan é o seu lucro particular. Estamos a falar de soberanía alimentar. As Confrarías molestan. En poucos anos rematarase con elas. Cómpre concienciar e mobilizar ao conxunto da sociedade, en defensa dun sector estratéxico. A Xunta de Feijóo pretende entregarlle un produto de calidade a empresas amigas. Temos que movernos todos a unha, polo futuro das nosas Rías foron algunhas das frases, e opinións que se lanzaron na Charla Informativa.
Durante as tres horas de exposición e posterior debate, o público asistente, seguiu con grande interese as explicacións dadas pola bióloga da Confraría, Sira Pereira, o avogado, Alberto Muñoz, e o mariñeiro de Ogrobe, Francisco Iglesias. Clemente Bastos, como presidente do pósito, encargouse de coordinar as diversas intervencións.
A elaboración desta Lei, realizouse con nocturnidade , premeditación e aleivosía, posto que unha vez publicada, apenas deron quince días de prazo ás Confrarías para alegar. Viuse forzada a Consellaría a ampliar o prazo. Pretende potenciar unha acuicultura agresiva de carácter industrial, que reduce drasticamente os postos de traballo, polo que o seu impacto social, será tremendamente negativo. As empresas aprovéitanse da fama das nosas Rías, para poñer no mercado un produto nocivo para a saúde das persoas. Galiza, cun goberno entregado ás multinacionais, convértese no expoñente de país esquilmado por intereses alleos.
Dende o Bloque Nacionalista Galego, quérese destacar o negativismo impacto que sobre o medio mariño, pode supoñer a instalación destas empresas nas Rías Galegas.
O BNG, a traveso do seu concelleiro, Xoán Carlos González, no Pleno de xaneiro, xa expresou a preocupación da organización nacionalista, apoiando publicamente todas e cada unha das mobilizacións e iniciativas que o sector do mar vai desenvolver no futuro. Trátase de loitar polo futuro do mar, polo tanto, polo futuro de Galiza.