Rosa Quintana, inimiga nº1 do noso mar
Corría o ano 2009 cando ó PP volvía o goberno da Xunta de Galiza, foi daquela que Nuñez Feijoo deu o temón da Consellaría do Mar a Rosa Quintana.
No acto de investidura, a titular desta importante Consellaría prometeu a creación de 20.000 novos postos de traballo no sector pesqueiro-marisqueiro. Tristemente, oito anos despois, atopámonos cun sector afogado e abocado á desaparición. A estratexia do Partido Popular, pode concretarse en desmantelar ao servizo de intereses foráneos.
Conflitos como os do xeito, o cerco, a grave contaminación do noso medio mariño, a aposta decidida polos desguaces de barcos (lembrar que o goberno do estado, comprometeuse coa Comisión Europea a desguazar un total de 569 barcos nos vindeiros catro anos), xunto coa pretensión de converter as nosas rías en piscifactorías, deixan moi claro que hai unha estratexia deseñada. Rosa Quintana e Nuñez Feijoo convertéronse nos principais responsábeis desta política lesiva, que ten como finalidade acabar coa pesca de baixura e o marisqueo tradicional deste pais.
Vexamos uns datos: no ano 2009 a flota de baixura galega, contaba con preto de 6.000 barcos, a día de hoxe conta con pouco mais de 4.500, isto é cada 3 días un barco galego cesou na súa actividade.
No marisqueo a pé, a situación e igual de mala, si no ano 2009 contabamos con preto de 4.500 traballadoras/es, hoxe temos pouco mais de 3.500.
En canto ao abandono da actividade, e ao desguace de barcos, o goberno do Estado comprometeuse a desfacerse de 569 barcos, dos cales unha alta porcentaxe son galegos, nos vindeiros catro anos.
Dende o BNG de Redondela, consideramos a pesca de baixura e o marisqueo como sectores estratéxicos para esta pais e para o noso concello en particular. Tal como declarou o concelleiro, Xoán Carlos González, no Pleno de xaneiro, o BNG vai apoiar todas e cada unha das inciativas prantexadas pola Federación de Confrarías.
A primeira destas iniciativas de carácter nacional, vai ter lugar en Santiago o 27 de febreiro, en contra do anteproxecto de lei de acuicultura de Galiza. Solicitamos ao tempo, o cese de maneira inmediata de Rosa Quintana como Conselleira do Mar. Malia que o anuncio do Presidente da Xunta, o único que pretende é desmovilizar ao sector, vaise tratar dunha manifestación moi importante.