Co BNG no goberno o aparcadoiro da Alameda non se privatizará, afirma Xoán Carlos González.
Recorda que o sistema de rotación de aparcadoiros implantouno o BNG, mais o actual goberno, traballou para facelo fracasar. Hai xa varios anos que o goberno de Javier Bas, pretendeu levar a cabo a privatización do aparcadoiro; a denuncia da forza nacionalista, e a presión social, frearon esta iniciativa.
As declaracións feitas dende o goberno de Javier Bas, en defensa da inversión de 120.000 para instalación dun sistema de control de aparcadoiros mediante barreiras, constitúen, a xuízo do BNG, unha clara demostración do cinismo co que actúan. O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, recorda como hai varios anos que prantexaron esta posibilidade, mais a resposta cidadá, que a vía como un novo instrumento de privatización de espazos públicos, parou ao goberno de Javier Bas.
Agora demóstrase que seguiron traballando no tema, cortando as árbores existentes, investindo 43.000 en asfaltar e pintar o aparcadoiro, todo isto sumado á proposta de investir 120.000, para llelo ceder, antes ou despois a algunha empresa, segundo Xoán Carlos González.
Tamén se detén a analizar a nota emitida polo goberno municipal, para afirmar que o goberno do Partido Popular fale de que se vai facer unha xestión pública do aparcadoiro, causa estupor, posto que a cada paso que deron demostrouse todo o contrario. Simplemente están a gañar tempo para pasar as eleccións. A partires de maio, esta proposta vai ser arquivada. O aparcadoiro de A Alameda, co BNG no goberno non vai ser privatizado, declara o concelleiro e candidato á alcaldía pola organización nacionalista.
Segundo o concelleiro nacionalista, se a xestión, por parte do goberno de Javier Bas de toda esta inversión no aparcadoiro da Alameda vai ser similar ao control da zoa azul, claramente vanno facer fracasar, para que o asuma unha empresa.
Para Xoán Carlos González, o anterior sistema de zoa de azul de estacionamento, con todos os problemas que tiña, estaba dando bos resultados. Unicamente o desinterese do concelleiro de tráfico, co claro obxectivo de deterioralo para poder privatizalo, fixeron fracasar definitivamente o sistema, denuncia Xoán Carlos González.
Destaca o concelleiro nacionalista, que se atopan neste tema nas antípodas do goberno de Javier Bas. Dende o BNG imos traballar para que as medidas de control do tráfico de vehículos particulares, vaian acompañadas de fomento de medios alternativos, dos desprazamentos a pé. Imos actuar para gañar espazos para peóns, e para a mellora da calidade de vida nos núcleos de Redondela e Chapela, conclúe na súa nota Xoán Carlos González.