Cun alcalde do PP ao fronte, Fomento amplía Rande.
O anuncio público da Demarcación de Estradas de Galicia sobre o levantamento de actas previas para a ampliación da Autoestrada AP-9, ao seu paso por Cabanas e Chapela, confirman o temido polo BNG: a autoestrada amplíase. E amplíase a pesares de que haxa un goberno amigo tanto na Xunta como no Estado. Javier Bas, alcalde do PP, vai quedar sinalado na historia do concello de Redondela, como o alcalde ao que lle ampliaron a autoestrada.
Os movementos dados polo goberno de Javier Bas, foron en todo momento marcados pola presión social. A pesares de pretender dar a imaxe de que se rexeitaba o Proxecto de Ampliación, en ningún momento creron nesta posibilidade.
O Partido Popular xogou coa vontade veciñal. Primeiro dirixiu os seus dardos cara ao goberno bipartito da Xunta, responsabilizándoo da posibilidade de ampliación. Con Feijóo ao fronte, o goberno galego xa non tiña nada que ver. Había pois que centrarse no goberno municipal de Redondela. A problemática da ampliación, converteuse en punta de lanza do desgaste. Máis tarde, centrouse no goberno do Estado, verdadeiro responsábel da desfeita.
A rocambolesca historia, tivo o seu episodio máis patético cando se presentou unha iniciativa no Parlamento Galego, para que soamente se ampliara a plataforma da Ponte. Toda unha mostra de cinismo e populismo do PP.
A inicios de setembro do 2014, no que a publicación do BOE do anuncio de Fomento, constata unha nova desfeita para Chapela. Javier Bas, convértese no alcalde a quen lle van ampliar a autoestrada. Rematou o tempo das declaracións pomposas e rimbombantes. Terá que asumir como o seu maior fracaso, que o seu propio partido, o Partido Popular, leve a cabo unha ampliación que soamente vai beneficiar a AUDASA.
Setenta e unha propiedades van ser ocupadas. Os días 24, 25 e 26 de setembro, citóuselles no Concello para que os afectados e afectadas asistan ao levantamento de actas previas.
Como noutras ocasións, Javier Bas exerce de correo, para transmitirlle aos responsábeis de Fomento as demandas veciñais. Compromisos, ningún. No BNG preguntámonos o motivo de por que non concretou estas mesmas demandas cando a Ministra estivo en Redondela durante a festa do Choco?, ou por que non tomou outro tipo de iniciativas nestes meses?
A información facilitada polo goberno municipal nos últimos meses pode considerarse de ningunha. Falla de información sobre as expropiacións. Mesmo que se colgue o listado na páxina do Concello, convértese en toda unha provocación. Continúa a ser a loita veciñal, quen está a marcar a pauta.
Dende o BNG responsabilizamos directamente á ministra de Fomento Ana Pastor por antepoñer os intereses particulares dunha empresa, ao interese social de centos de veciños e veciñas; ao alcalde de Vigo, Abel Caballero quen ao único que lle interesa é que se creen infraestruturas sen ningún tipo de criterio, e ao alcalde Javier Bas por limitarse a cubrir o expediente no seu papel como alcalde de Redondela.