Denunciamos que o goberno de Javier Bas segue sen controlar as fontes públicas redondelás.
Para o concelleiro do BNG Xoán Carlos González trátase dunha grave irresponsabilidade.
Tres anos levan as augas das fontes públicas do Concello de Redondela, sen seren analizadas. Toda unha irresponsabilidade, posto que estamos a falar da auga que están a consumir moitos veciños e veciñas de Redondela, segundo afirma Xoán Carlos González, concelleiro nacionalista.
Xa hai dous anos que o BNG advertiulle ao goberno de Javier Bas, que debía ser rigoroso no control da salubridade das augas, posto que se pon en risco a saúde pública. Durante tres anos ignoraron dita necesidade.
No seu momento, a resposta do goberno municipal foi a de acusar ao BNG de pretender fomentar o alarmismo, insinuando que o único que se pretendía era crear unha falsa preocupación entre os veciños e veciñas.
Para o BNG trátase tamén dunha cuestión de carácter social e cultural, posto que arredor das fontes tamén se establecen relacións humanas nas parroquias, principais afectadas destas situación. Ademais a maioría destes elementos, forman parte do noso patrimonio etnográfico e cultural
Concurso público no verán
Nestes días o grupo municipal nacionalista coñeceu a iniciativa de, mediante invitación a varias empresas e cun orzamento de 14.000, se presentaran propostas para a análise periódica das fontes públicas do Concello. A situación volvese preocupante, posto que xusto na época de verán, cambia a composición química das augas, e o seguimento debe ser máis rigoroso. Agora entre que se resolve o procedemento, e se inicia a actividade podemos poñernos a finais de xullo para que de verdade se controle.
Para o concelleiro nacionalista constitúe un feito sen precedentes que o goberno municipal obviara as súas responsabilidades nun tema tan delicado como a saúde pública.
Xoán Carlos González acusa ao goberno de Javier Bas de ser un goberno anuncio, centrando o seu labor en actuacións que miran máis a rendibilidade política, namentres que a verdadeira resolución dos problemas do concello quedan aparcados.