O día das Letras Galegas en Redondela
O próximo 17 de maio cúmprense 150 anos da publicación da primeira obra literaria escrita íntegramente en galego despois de máis de catro séculos de silencio na literatura da nosa lingua. Rosalía de Castro manifesta explicitamente a súa vontade de recuperar para a nosa lingua a presenza que merece no ámbito literario para así demostrar que se trata dunha lingua con pasado, presente e futuro.
Desde o BNG de Redondela lamentamos profundamente o abandono que a nosa lingua está a sufrir por parte do goberno municipal, que se fixo patente na defensa que a concelleira Teresa París fixo da LOMCE no último pleno, onde, entre outras cousas, non dubidou en afirmar que había que protexer a lingua castelá en Galiza, o cal demostra a cegueira do PP ante unha realidade onde, a todas luces, é o galego o que está a ser atacado polos sectores máis reaccionarios. Por este motivo, o grupo municipal do BNG non vai asistir ao acto institucional que organiza o concello de Redondela, xa que o consideramos unha pantomima folclorista e cínica onde se pretende lavar a imaxe dun goberno local que, na súa práctica diaria, despreza a nosa lingua ata o punto de ignorar a Lei de Normalización Lingüística no momento en que se chega a empregar o castelán para a comunicación escrita que desde o concello se dirixe a colectivos do concello. O abandono do convenio de colaboración que se viña asinando desde hai anos coa Mesa pola Normalización Lingüística é outra proba máis do pouco interese que o goberno de Javier Bas ten na normalización do noso idioma.
A nosa organización política asume e comparte a necesidade de reivindicar o uso da nosa lingua nunha data tan sinalada como esta, pero rexeitamos o cinismo e a dobre moral practicada polo goberno local no referente ao uso da nosa lingua.
Todo o dito anteriormente non debe servir para desmobilizar a sociedade redondelá, que ten demostrado en múltiples ocasións a súa sensibilidade ante a situación da nosa lingua, polo cal convidamos a toda a poboación a asistir á manifestación que a Mesa convoca en Compostela o mesmo día 17 ás 12:00 h. da mañá, para o cal propoñemos como punto de encontro a esplanada de diante da depuradora de Redondela, ás 10:30, coa finalidade de compartir coche e de facilitar a asistencia a toda aquela persoa que queira asistir.
Debemos demostrar ao goberno local, así como ao da Xunta e do Estado que a realidade non se parece ao que eles ven, e que a única lingua que debemos protexer no noso país é a nosa: o galego.