A elección de persoeiro do ano, continúa o despropósito..
A voceira do Grupo Municipal do BNG, Cecilia Pérez, describiu o proceso de elección do persoeiro do ano 2013 como lonxe de acadar o obxectivo inicial. No canto de que se nomeara un personaxe por consenso, a partires da iniciativa do movemento asociativo, todo o procedemento estivo viciado.
O Pleno da Corporación do mes de abril debateu entre outros puntos, a elección de persoeiro do ano 2013, a partires da proposta da Comisión creada a tal efecto. Na exposición da postura mantida pola organización nacionalista, a voceira do Grupo Municipal, expuxo que a fórmula a seguir non era a máis axeitada.
O BNG defendeu dende o primeiro momento, que unha decisión desta índole debería contar cun amplo consenso de todos os sectores implicados, movemento asociativo e organizacións políticas; ademais de certa discreción nas propostas, xa que se podían poñer nomes enriba da mesa, que non desmerecían esta distinción.
Lonxe de que dende o goberno de Javier Bas, se lle dera maior rigor , o proceso chegou a un punto de difícil retorno.
Non só movementos culturais, e mesmo ANPAs, ou equipos directivos de centros educativos fixeron as súas propostas. Tamén varias forzas políticas, PSOE e Anova, quixeron ter o seu protagonismo. No canto de que fose unicamente o movemento asociativo, quen propuxera os candidatos ou candidatas, estas organizacións políticas pretenderon participar dunha decisión que non lles correspondía.
Finalmente, o aspecto no que xa se converte a elección nun auténtico despropósito, concretouse, en que un dos defensores de designar a figura de Alejandro Otero, persoeiro do ano, formou parte da comisión avaliadora.
Cecilia Pérez, expuxo todos estes aspectos na sesión plenaria. Destacou que se deixara pasar unha ocasión perfecta para que o movemento asociativo tivera un absoluto protagonismo na toma desta decisión. Pola súa banda, o concelleiro do PP, Julio Alonso quixo restarlle importancia á fórmula seguida.
Finalmente a proposta contou cos votos a favor de PP, PSOE, AER. O BNG, abstívose, pois aínda que non lle pon reparos á figura en sí de Alejandro Otero, considera que o procedemento de elección de persoeiro do ano 2013, carece de rigor e o consenso necesario.