Europeas 14 en Redondela. O BNG márcase como obxectivo chegar a todas as parroquias.

Se o Bloque está, Galiza está!
Europeas 14 en Redondela. O BNG márcase como obxectivo chegar a todas as parroquias.

 

Na Campaña Electoral que se inicia esta noite, e que vai rematar o vindeiro domingo 25, xogámonos moito. Os galegos e galegas, os e as redondeláns debemos decidir quen vai representarnos na Unión Europea.

Se o Bloque está, Galiza está! Baixo esta premisa, a militancia nacionalista vai desenvolver unha intensa actividade ao longo de quince días. Afrontamos este reto con responsabilidade, mais tamén con ilusión sabedores de que existen alternativas políticas ás prantexadas pola Troika, polo BCE e pola dereita europea representada polo Partido Popular Europeo e pola Socialdemocracia.

 

En Redondela, a Asemblea Local, marcouse o reto de desenvolver diversos actos de  Campaña, con dous mitins principais en Chapela e Redondela. De igual xeito, Actos Públicos en Cedeira, Reboreda, Cesantes, Saxamonde, Cabeiro, Vilar, Trasmañó, Ventosela, O Viso. Repartos por todas as parroquias, colgada de cartaces, pegadas,... forman parte dunha intensa Campaña que terá inicio ás doce da noite.

Un dos retos que se marcou o BNG, como xa ten feito noutras eleccións, foi o de manter a suficiencia económica. A Campaña, unicamente se vai sufragar coas aportacións da militancia e simpatizantes. Aproveitamos pois, para que colaboredes mercando bonos de Campaña, cun valor de 10€, co que seguiremos mantendo a nosa independencia económica.

Coa presenza de Ana Miranda no Parlamento Europeo, quen apoiará a investidura do candidato José Bové, Galiza vai manter voz propia. O BNG defende un Proxecto de País, que pasa por ter presenza nas diversas institucións. Cuestionando un modelo que crea desigualdades e pobreza, apostando por novas políticas que beneficien ao conxunto dos pobos da Unión Europea.

Facemos un chamamento a simpatizantes do BNG para participar a calquera nivel desta intensa actividade. Ante o poder mediático doutras forzas de ámbito estatal, cómpre  dunha actuación directa cos veciños e veciñas de Redondela.

Dende a Asemblea Local, queremos aproveitar para animarvos a axudar e colaborar na Campaña Electoral das Europeas 2014. Todos os días estaremos no noso local da Praza da Constitución para recibir calquera tipo de apoio. Acreditamos nun novo modelo europeo, traballamos por unha sociedade máis xusta, defendemos unha verdadeira Europa do pobos. Adiante, co BNG!

Se o Bloque está, Galiza está!

Europeas 14 en Redondela. O BNG márcase como obxectivo chegar a todas as parroquias.