Europeas 2014. Acto público do BNG en Chapela

Acto público do BNG en Chapela.
Europeas 2014. Acto público do BNG en Chapela

A organización nacionalista elixiu esta parroquia para iniciar a súa Campaña Electoral. No acto interviron o concelleiro Xoán Carlos González, a deputada no Congreso Olaia Fernández, e a candidata Miriam Rodríguez.

Na introdución do acto, o concelleiro de Redondela salientou que a organización local do BNG, marcábase como obxectivo prioritario, desenvolver unha Campaña que chegara a todas as parroquias. “Fronte ao silenciamento ao que nos queren someter os medios de comunicación, aquí están os do BNG para presentar as súas propostas”.

 

Intervención do concellal do BNG en Redondela X. Carlos González

 

Pola súa banda, Olaia Fernández afirmou que “cumpre a activación social fronte ás políticas agresivas e de recortes auspiciadas pola Troika; executadas polos gobernos do PP e do PSOE”.

Na súa intervención salientou a necesidade de que Galiza teña voz propia en Europa, “como tivo nos últimos anos, coa presenza do BNG por medio de Ana Miranda. Foi esta muller quen levou os problemas da Galiza a Bruxelas, deixando en evidencia tanto a PSOE como a PP”.

Parte do discurso da deputada nacionalista centrouse no plantexamento de que “Europa debe ser unha Europa das nacións e dos pobos, non dos mercados e dos estados”. Acredita nun cambio de rumbo na dirección das políticas económicas e sociais emanadas dos distintos poderes tanto europeos como estatais.

 

A deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández Davila.

O colofón final deste acto en Chapela, veu da man de Miriam Rodríguez.Unha moza do Baixo Miño, activista das preferentes e dos emigrantes retornados. Forma parte da candidatura do BNG que se presenta a estas eleccións europeas.

Expuxo a situación na que se atopan preto de 35.000 preferentistas, que xunto a outros miles se viron na obriga de iniciar toda unha xeira de mobilizacións dende hai dous anos. “Obrigamos ao Partido Popular a tomarnos en serio, aínda que moitos, como o propio candidato Millán Mon, non fixo máis que desacreditarnos”. Relatou como, por medio das deputadas no Congreso, os e as preferentistas tiveron voz, “mesmo os e as preferentistas de Bankia, pedíronnos colaboración do BNG, unha organización nacionalista, para que a súa voz se escoitara no propio Madrid”.

Filla de emigrantes retornados, Miriam Rodríguez tamén se parou a relatar a situación na que se atopan moitos dos fillos da Galiza que se viron obrigados a abandonar o País para ter que buscarse a vida. “Agora queren tratalos como defraudadores, cando o único que son é traballadores”, apuntou a candidata nacionalista.

“Como moza e como muller, síntome dobremente agredida por estas políticas antisociais postas en marcha polos diversos gobernos do PP”. Salientou a necesidade dunha mobilización constante, máis complementándose coa acción institucional e o voto a favor do BNG.

Intervención da candidata do BNG Míriam Rodríguez

Europeas 2014. Acto público do BNG en Chapela