O goberno de Javier Bas, emprega os comedores escolares como propaganda política
Malia térense comprometido a pagar o primeiro trimestre escolar no mes de febreiro, aínda estanse a tramitar as axudas definitivamente. O concelleiro nacionalista considera vergoñento que alumnado usuario do comedor escolar, remitido dende servizos sociais, teña que adiantar os pagamentos, ou deixar de facer uso do mesmo.
Non imos quedar calados ante esta flagrante inxustiza. A concelleira de Servizos Sociais, comprometeuse a pagar en febreiro, e non cumpriu a súa palabra. O goberno de Javier Bas utiliza os servizos sociais para facer propaganda. Esiximos que se realicen os pagos de inmediato. Con estas palabras o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González quere chamar a atención sobre a situación de varias familias de alumnos e alumnas dos centros educativos de Redondela. Trátase de familias que atravesan unha difícil situación familiar, social e económica, que deben contar co respaldo total do concello para poder sufragar o comedor escolar.
De que lles serve a moitas familias que lles abonen o derradeiro día do ano, se non puideron pagar outubro, novembro e decembro? Acaso esta non é unha prioridade para o goberno municipal? Van a volver a botarlle a culpa á Intervención municipal polos atrasos?, pregúntase o concelleiro do BNG.
Relata como o caso dalgunhas familias que se viron obrigadas a deixar o comedor escolar, posto que non tiñan medios económicos para pagar este servizo. Javier Bas como alcalde, e Mari Carmen Amodeo, como responsábel da concellaría, fan deixazón de funcións, afirma.
Segundo Xoán Carlos González, no anterior mandato o goberno de Javier Bas encargouse de desmantelar o servizo. Dende xuño hai unha nova responsábel de servizos sociais,que pretende cubrirse de gloria mediante anuncios. Demóstrase que unicamente empregan este departamento para repartirse o pastel. Namentres, os veciños deixan de recibir prestacións que non son concesións do goberno de turno, senón un dereito ao que a institución municipal debe dar resposta. Afirma que dende o BNG, defenden un modelo distinto dos servizos sociais, máis apegado aos problemas reais do veciños e veciñas de Redondela, e menos á publicidade e propaganda.