O goberno de Javier Bas, mófase dos veciños co Paseo do Maceiras.

Foto: Faro de Vigo
O goberno de Javier Bas, mófase dos veciños co Paseo do Maceiras.

O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, “considera que ao goberno, o único que lle interesa é facer anuncios e propaganda”.

“Falar da construción dunha senda polo Maceiras, cando unicamente se levou a cabo un pequeno treito” constitúe, para o concelleiro nacionalista, “unha burla de cara aos veciños e veciñas”.

Primeiro fixeron, con grande profusión de medios, o anuncio de que se ían invertir 300.000€ na construción dunha senda polo Maceiras, nun treito de quilómetro e medio. Aproveitaban esta obra, para darlle solución á falla de compromiso de Fomento coa seguridade viaria, prantexándoo como alternativa á N-555.

O máis rocambolesco da historia, constituíuno o feito de que anunciaron unha obra, cando aínda non tiñan compromiso orzamentario algún. Para o concelleiro nacionalista “o do Maceiras, constitúe un exemplo do novo xeito de facer política de Javier Bas. O único que fai é mofarse dos veciños e veciñas, considerando que con anuncios de obras, levando a cabo unha pequena parte, están satisfeitas todas as súas demandas”.

Apunta o noso concelleiro nacionalista que, “inicialmente recortaron a senda que chegaba ata a parroquia de Negros”. Tamén que “ante a presión social, tiveron que recuar, na pretensión de prantexalo como alternativa á seguridade viaria da N-555”.

“Finalmente tiveron que ir mendigando polas diferentes consellerías, buscando a alguén que lles dera 60.000€ para unicamente abrir un camiño de 200m.”.

“Estamos ante un goberno municipal involucionista dende o punto de vista social. Pretende levarnos á época na que o prioritario son os puntos de luz, un pouco de piche, ou algo de xabre. Ante este modelo, o BNG acredita en proxectos consensuados con colectivos, que resposten ás verdadeiras demandas sociais, con visión de conxunto, e incidan positivamente na calidade de vida dos e das redondeláns”.

Foto: Faro de Vigo

O goberno de Javier Bas, mófase dos veciños co Paseo do Maceiras.