O GOBERNO DE JAVIER BAS VIUSE NA OBRIGA DE INCLUÍR O CENTRO DE DÍA DE TRASMAÑÓ, COMO INVESTIMENTO.
A conclusión que tira o BNG da aprobación dos orzamentos para o ano 2.014, resúmense en que nin respostan realmente ás necesidades de carácter social, nin ás demandas en infraestruturas de carácter básico.
Dende o Bloque Nacionalista Galego, queremos clarificar que o goberno de Javier Bas, viuse forzado a incluír como investimento, o Centro de Día en Trasmañó. No Pleno de marzo de 2.011, e logo da xestión do BNG no goberno municipal, incluíse esta exixencia no Proxecto Marisma +. Xa daquelas, o Partido Popular prantexou dúbidas sobre esta infraesctructura de carácter social.
Nos últimos anos, foron numerosos os intentos do goberno municipal, por activa ou por pasiva, para que se lle dera outro uso ao Centro de Día de Trasmañó. De xeito totalmente irresponsábel, chegaron a prantexar que se convertera en Gardería.
A situación chegou a tal extremo, que nun documento no que se facía seguimento do Plan Marisma, mesmo se xustificaba que o Centro de Día non tiña cabida nesta proposta. Prantexábase que as partidas relativas a esta dotación de carácter social pasaran a outras infraestruturas do Plan Marisma +. A modificación, requiriría un novo acordo plenario que non se atreveron a prantexar.
A construción do Pavillón en A Marisma, convértese nun novo capítulo da falla de proxecto do goberno Bas. Por tratarse dunha infraestrutura deportiva de carácter polivalente, daría resposta a un amplo abano de entidades deportivas e culturais beneficiadas. Para o BNG tería que ter sido das primeiras en poñer en marcha.
Cuestionamos dende a organización nacionalista, que nos orzamentos aprobados polo Partido Popular, coa abstención agora dun concelleiro do PSOE,o saneamento non é prioridade. Outra das grandes infraestruturas, que para a organización nacionalista deben ser universais. Unha demanda maioritaria das parroquias que tivo un enorme pulo durante os mandatos anteriores. Neste sentido califican ao goberno Bas de obstáculo insalvable para rematar o saneamento en Redondela.
Rexeitamos, pola contra, que as partidas que máis medran nos orzamentos, ademais da de publicidade en cultura, arredor dun 40%, son as de vías e obras: Aglomerado pasa de 32.000 a 50.000; Áridos de 15.000 a 30.000; Formigón de 10.000 a 20.000.
Tal e como afirmou a voceira nacionalista no Pleno para a aprobación dos Orzamentos 2.014, sobre o papel poden plasmar todo o que se queira, mais trátase na xestión diaria onde o goberno municipal marca a súa estratexia de traballo.
O BNG, convértese pois, na única forza política que cuestiona ao cen por cen ao goberno de Javier Bas, por actuar de costas á veciñanza, e querer desenvolver unha política nociva para Redondela.