Moción transporte e mobilidade na área de Vigo
Nos tempos que decorren, a mobilidade é un tema chave na vida das persoas e das sociedades, presentándose como un ben necesario e sendo un problema de carácter colectivo e social. Á súa vez é evidente a súa complexidade xa que supón un custo económico, a dedicación de tempo, as incomodidades que implica, a contaminación que orixina e o maior consumo de espazo público para as infraestruturas. Por tanto, as prestacións da mobilidade veñen determinadas polo seu desenvolvemento pasado e as necesidades do presente, o que determina unha actuación de carácter estratéxico con visión de futuro.
Á hora de deseñar políticas de mobilidade, á parte do anteriormente enunciado, debemos ter en conta o lugar onde se produce, as relacións que o motivan, a regularidade e o xeito en que se expresan e as medidas tomadas para satisfacelas.
No caso da área de Vigo, a non concreción dunha proposta de carácter supramunicipal sobre un sistema de mobilidade sustentábel impediu avanzar na resolución dun problema vital para a maioría da cidadanía, en que os gobernos locais mostraron a súa máis profunda despreocupación, cando non bloqueando posíbeis solucións. Esta situación é reforzada pola falta de interese e liderado do Goberno galego incapaz de aglutinar vontades e esforzos xunto a unha falta de alternativa global adubada de estudos e recursos estragados sen presentar, tan sequera, as súas conclusións.
Hoxe deseñar políticas de carácter local non ten moito sentido, habida conta a interrelación e interdependencia existente entre as distintas localidades, o que obriga a ter unha visión máis de carácter global se se quere ser eficiente desde o punto de vista de prestación do servizo e, sobre todo, desde a satisfacción social. É absurdo presentar e promover medidas exclusivamente dentro de cada concello, cando a realidade mostra a necesidade de planificar en conxunto (aínda tendo en conta moitas variábeis especificas), coordinando os esforzos e evitando redundancias absurdas que representan unha dilapidación económica e unha insatisfacción da sociedade.
Á súa vez, debemos ter en conta un gran compoñente social cal é que a inmensa maioría das persoas usuarias son traballadoras, moitas con escasos recursos económicos ou sen eles, polo que as nosas propostas sobre políticas de mobilidade deben estar orientadas ás maiorías sociais, sendo estas un xeito máis de redistribuír a renda.
Vigo, como cidade nucleadora da área, concentra ofertas de traballo, prestación de servizos básicos, culturais ou de ocio e xera unha gran cantidade de movementos, dentro e fóra do seu territorio, polo que está obrigada a exercer unha proposta integradora das necesidades de toda unha área superior ao seu ámbito territorial.
Neste sentido, é fundamental ter en conta o papel específico dentro da área xogado polo transporte marítimo de ría, como servizo básico para a comunicación dos concellos de Cangas e Moaña e a súa necesaria integración nun transporte metropolitano da área de Vigo de carácter intermodal.
Pola súa banda, a Xunta de Galiza non pode seguir inoperante ante as necesidades de mellora do transporte colectivo que existen na área de Vigo. Área que, non debemos esquecer, abrangue unha poboación de preto de medio millón de persoas que precisan dispor de medios de transporte colectivos eficientes como alternativa ao uso do vehículo privado. Isto non só é fundamental para a mellora da mobilidade senón tamén dende o punto de vista ambiental pois, actualmente a maioría dos desprazamentos dentro da área son en vehículos privados (en torno ao 60% dos mesmos).
Ademais de todo o anteriormente exposto a decisión do concello de Vigo de eliminar a tarxeta verde de Vitrasa para as persoas que non están empadroadas supón un perxuizo engadido para moitos veciños e veciñas, sobre todo das parroquias de Chapela, Trasmañó,Vilar . que diariamente teñen que trasladarse a esa cidade por motivos laborais, de estudos , sanitarios ..
Logo, hoxe é máis necesario que nunca que as distintas administracións implicadas se comprometan en dar cunha solución satisfactoria ás demandas existentes, na área de Vigo, en materia de transporte e mobilidade.
Por iso, solicitamos do Pleno da Corporación municipal de Redondela a adopción dos seguintes
ACORDOS
1)Instar á Xunta de Galiza a iniciar os traballos para constituír un ente xestor da mobilidade, de carácter público e ámbito metropolitano, en que participen os concellos da área e o Goberno galego, co obxectivo de promover e xestionar un plano metropolitano de mobilidade integral.
2)Instar á Xunta de Galiza e aos concellos da área a xestionar a mobilidade favorecendo a intermodalidade, mediante unha rede de intercambiadores intermodais, en que teñan cabida xunto co viario, o transporte ferroviario e marítimo de ría.
3)O Concello de Redondela , xunto ao resto dos concellos da área metropolitana e o Goberno galego, comprométese a traballar na implantación dunha estrutura tarifaria integrada que inclúa as políticas de financiamento necesarias do sistema e unha regulación de prezos acordes ás circunstancias socio-económicas da poboación.
4)Dar traslado dos presentes acordos tanto á Xunta de Galiza como ao resto dos concellos afectados.
REDONDELA 20 DE FEBREIRO DE 2014
ASDO: CECILIA PÉREZ ORGE
Nota: Enviado aos medios Faro de Vigo, Atlántico Diario, Radio Redondela e A Voz de Galicia.