Cecilia Pérez no debate dos orzamentos de Redondela para o 2014: “ O papel aguántao todo”

Cecilia Pérez no debate dos orzamentos de Redondela para o 2014: “ O papel aguántao todo”

Con esta afirmación a voceira do BNG sintetizou o interese do goberno de Javier Bas por aprobar os orzamentos para o ano 2014. Tratábase dun trámite a superar para o Partido Popular.

Na súa intervención, Cecilia Pérez, fixo unha sucinta lectura do que suporía para Redondela darlle o respaldo á proposta de orzamentos.

O BNG sempre argumentou que os orzamentos poden ser unha escusa para acadar apoios, por activa ou por pasiva por parte do goberno Bas. Pero é no día a día onde se concreta a xestión política do goberno municipal, afirmou Cecilia Pérez.

Ao longo das dúas intervencións a voceira nacionalista aportou dados concretos que confirmaban a tese do BNG.

En partidas de gasto social, fronte aos máis de 100.000€ orzamentados no 2013, aforráronse arredor de 70.000 €. Isto en base a que non se asinaron convenios con asociacións como Andaina, ONG Da Man  ou o C.D.Choco. Ou que a complexidade nos procesos de solicitude de axudas en servizos sociais ou ensino causen un efecto disuasor entre os veciños e veciñas de Redondela.

Fixo mención Cecilia Pérez, de que as partidas relativas a ensino constitúen un xeito “perverso de facer política” por parte do goberno Bas. “Aumentan as partidas para comedores escolares, mais a día de hoxe aínda non se ingresaron as correspondentes ao 1º trimestre do curso 2013-14, co que moitas familias quedan sen poder mandar aos seus fillos ao comedor”.

Parte da intervención da voceira do BNG adicouna ás denominadas “políticas de emprego”. Unhas políticas que adican a partida máis importante, 30.000€, a pagar seguros “para fornecer de man de obra gratuíta a certas empresas de Redondela”.

“O descenso no número de desempregados e desempregadas no noso concello ao longo de 2013 débese a que moita xente nova vese na obriga de emigrar e non á bondade do seu plan de emprego”, afirmou Cecilia Pérez. Ademais existen dados de que hai xente  que deixa de anotarse nas listas do paro. “O que se debe valorar é a creación neta de emprego e nesa liña vostedes non están a facer nada”

Tamén se referiu á mala  xestión económica da Consellería de Facenda por consolidar  un desequilibrio importante no ano 2013 entre o que afirmaban que ían a ingresar e o realmente cobrado.

 

Ante a falla de argumentos, Ana Alonso, utilizou o medo, como práctica habitual do goberno Bas. Afirmou que o BNG o que pretendía era pechar algunhas empresas en Redondela. Afirmación que por si soa descalifica a quen a fai.

Finalmente Cecilia Pérez sentenciou que “os orzamentos, unha vez máis son “publicidade e propaganda do goberno de Javier Bas”.

Estes orzamentos, se algo consolidan, é o interese do goberno de Javier Bas por primar un xeito de facer política no que os veciños e veciñas de Redondela que máis están a sufrir a crise, seguen sendo os grandes esquecid@s”.

Cecilia Pérez no debate dos orzamentos de Redondela para o 2014: “ O papel aguántao todo”