O BNG denuncia que as subvencións deportivas municipais “machacan” aos “deportes minoritarios"

O BNG denuncia que as subvencións deportivas municipais “machacan” aos “deportes minoritarios"

Algúns clubs viron reducida as axudas en algo máis do 50%

Dá a impresión de que ao goberno de Javier Bas non lle gustan os denominados deportes minoritarios. Ao menos esa é a valoración do Grupo Municipal do BNG, despois de coñecer o importe final das subvencións concedidas para o ano 2013. “Totalmente discriminatorias con deportes como a patinaxe, tiro con arco, natación ou para persoas con discapacidade intelectual”, posto que nalgún caso chegan a reducirse máis dun 50 por centro respecto da convocatoria do 2012.

O goberno de Javier Bas modificou durante o ano 2013 as bases de subvencións para clubs  deportivos do concello de Redondela. Nesta convocatoria saen claramente discriminados aquelas modalidades que carecen dun amplo coñecemento por parte da poboación, que menos respaldo institucional reciben, e que mesmo carecen de interese por parte das cadeas publicitarias.

Como exemplo apuntan a que o Club de Tenis Redondela recibe 1029,58€ na convocatoria do 2013, a diferenza da do 2012 que recibira 2.331€; o Club Náutico Redondela recibe 1.238,74€ fronte aos 2.710€ do ano pasado; o Club Patinaxe Artístico Bolboreta recibe 1.274€ nesta ocasión, recibindo 2.760€ na anterior. Pola súa banda Meigarco, club adicado ao tiro con arco, que mesmo ten acadado varias medallas en diferentes competicións de ámbito galego e estatal, viu reducida en 600€ as axudas, recibindo  2.261€.

“A todas luces tratouse dunha modificación das bases nas que estas modalidades deportivas saen claramente prexudicadas”, afirma o Grupo Municipal do BNG.

O caso do Racing Club Chapela, o máis chamativo

Para o BNG, a falla de apoio do goberno municipal, a través destas subvencións, a estes clubs deportivos, raia o cinismo. No caso do Racing Club Chapela trátase dun club que ten acadado importantes éxitos en competicións tanto autonómicas como estatais. Este club promociona o deporte entre persoas con discapacidade intelectual, cuns resultados máis que destacados nestes últimos anos.

O concelleiro de deportes, Jesús Crespo chegou a afirmar que o Club Racing Chapela deixaba o nome de Redondela nun lugar moi alto, alá onde competía. Que ía contar coa axuda e colaboración do goberno de Javier Bas.

Nada máis lonxe da realidade, posto que a subvención que recibe este club pasa de 3.216€ no ano 2012 a 2.550€ no ano 2013, reducíndose nuns 700€ as axudas.

Fomento do deporte base.

Para o Bloque Nacionalista Galego, as subvencións deportivas deben promocionar aquelas disciplinas que teñen maiores dificultades para subsistir. “Cómpre ter en conta o interese dos e das deportistas por realizar actividades que están fóra das canles promocionais”. Acusamos, por tanto, ao goberno de Javier Bas de apostar por proxectos de carácter megalómano.

Segundo o Grupo Municipal “o concello debe promocionar o deporte como actividade complementaria do crecemento e proceso madurativo dos cidadáns en xeral, e dos membros dos clubs en particular. Os nenos e nenas que se decantan por deportes deste tipo, deben recibir maior respaldo por parte das administracións, da municipal en particular”.

(NOTA DE PRENSA ENVIADA A RADIO REDONDELA, FARO DE VIGO E ATLÁNTICO DIARIO O 14 DE FEBREIRO).

O BNG denuncia que as subvencións deportivas municipais “machacan” aos “deportes minoritarios"