O GOBERNO MUNICIPAL RENUNCIA A CONTROLAR A AMPLIACIÓN DE PLASTIC OMNIUM.
Nunha comparecencia solicitada xa en abril, o concelleiro Xoán Carlos González, solicitaba información ao concelleiro de urbanismo, sobre as xestións feitas polo goberno municipal na tramitación da ampliación de Plastic Omnium. Dita empresa presentou un Proxecto de reparación, actualización e mantemento do edificio. Sen que exista ningún tipo de licenza, o primeiro que fixo foi derrubar unha nave e construir outra nova.
A resposta de Arturo González, non deixou de sorprender, posto que ademáis de afirmar que o concello asistira como convidado de pedra da xestión da solicitude de ampliación, fixo unha defensa de todo o proceso.
O concelleiro do BNG, denunciou que a declaración de supramunicipalidade por parte do goberno da Xunta, seguira un procedemento totalmente irregular. Baseábase nunha apreciación moi xenérica, ademáis de carecer da Autorización Ambiental Integrada correspondente a dita ampliación.
Coa demagoxia que caracteriza ao goberno municipal, Arturo González aludíu á necesidade da ampliación da empresa como pulo ao desenvolvemento económico do concello. Tamén adiantou, cal vai ser a postura da concellaría de Medio Ambente, ao afirmar que os avances tecnolóxicos, van permitir que tanto os posíbeis residuos, como os ruídos, se mitiguen.
Xoán Carlos González aludíu a que a ampliación da empresa, debe ir acompañada de postos de traballo de calidade, ademáis de ser respetuosa cun medio tan deteriorado como o da Enseada. Preocúpalle ao BNG a calidade de vida de veciños e veciñas do entorno, ademáis do tratamento dos residuos de elaboración de portóns para a fabricación de coches, as emisións contaminantes e os ruídos que se producirán.
Amosa o Partido Popular, unha vez máis a súa faciana máis servil, posto que detrás desa presunta candidez que amosa o equipo de goberno, ponse ao servizo da empresa.
Claramente o goberno municipal renuncia a desenvolver unha zona industrial no concello, acorde coa normativa urbanística, que permita ás empresas desenvolver os seus proxectos de xeito ordeado reducindo o seu impacto ambiental, e que garanta os postos de traballo de calidade.
O concelleiro de urbanismo, interior e tráfico sáelle ben caro ás arcas municipais, posto que os máis de mil euros que cobra mensualmente, non se ven reflectidos en ningún tipo de medidas positivas para Redondela.